Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno fretará un avión o domingo para a repatriación dos superviventes e dos falecidos

O Goberno fretará un avión o domingo para a repatriación dos superviventes e dos falecidos

Pedro Sánchez garante que se retomarán os labores de rescate en canto o tempo o permita

Rogelio Franco, de 55 anos, é o primeiro mariñeiro do Villa de Pitanxo identificado como falecido

O desembarco dos tres sobreviventes e doutros sete cadáveres está previsto para este sábado

G24.gal 18/02/2022 20:57

O Goberno fretará este domingo un avión A-400 do Exército do Aire, con destino ao aeroporto de San Xoán de Terra Nova, para a repatriación dos 3 mariñeiros que sobreviviron ao naufraxio e dos 9 corpos rescatados ata o momento.

Pedro Sánchez garante que se retomará a busca dos desaparecidos en canto o tempo o permita, algo que lle agradeceu por teléfono ao primeiro ministro do Canadá. Na conversa o presidente do Goberno tamén lle agradeceu a Justin Trudeau todo o traballo feito ata agora así como "as sentidas condolencias" que el e o seu país trasladaron a España.

As autoridades canadenses confirmaron a identidade do primeiro dos cadáveres do Villa de Pitanxo que este venres pola mañá desembarcaron en Terra Nova.

Trátase de Rogelio Franco, un mariñeiro de 55 anos, de orixe peruana afincado en Pontevedra desde hai anos e que xa fixera dúas mareas no arrastreiro de Marín. O seu corpo será repatriado ao Perú, por desexo da súa familia.

Sobreviventes e corpos rescatados

Este sábado, se o tempo o permite, entrará no porto de Terra Nova o Playa de Menduíña Dous, onde veñen os tres sobreviventes do naufraxio e sete corpos rescatados en mar aberto.

O que está previsto é que o patrón e os dous mariñeiros que se salvaron pasen unha revisión no hospital, e que poidan partir nos próximos días cara a Galicia.

O Goberno declarou o luns 21 día de loito oficial en España, polo que cabe pensar que a chegada estea prevista para ese día.

As autoridades do Canadá abriron a porta a retomar a busca dos 12 mariñeiros desaparecidos cando melloren as condicións climatolóxicas. O Goberno español pide a colaboración dos barcos que traballen na zona do naufraxio.

"Transmitimos unha mensaxe aos tres pesqueiros españois que se atopan naquela zona para que maximicen a capacidade de detección por se fose posible atopar algún corpo. Debo darlles as grazas", di o ministro de Agricultura, Luis Planas.

Desde o Ministerio de Asuntos Exteriores pedíronlle formalmente ao Goberno canadense que volvan ao mar para intentar recuperar os corpos que faltan do Villa de Pitanxo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade