Rompen dous bancos de pedra da contorna da concatedral de Ferrol
Rompen dous bancos de pedra da contorna da concatedral de Ferrol
Non é a primeira vez que o templo e o seu recinto exterior sofren actos vandálicos
A concatedral de San Xiao, o maior edificio relixioso de Ferrol, coma outros elementos histórico artísticos da comunidade, non se libra do vandalismo. No tempo en que estivo en obras, empregando o andamio que o rodeaba, causáronlle danos no campanario e noutros puntos do interior; e a fachada xa sufriu varias veces pintadas. Aínda hai pouco que se tapou unha.
Desta volta, a noite de festa acabou coa rotura intencionada de dous dos bancos de pedra do recinto exterior do templo.
"É froito da movida da fin de semana; de moita xente, sobre todo xente nova, que creo que non está nos seus cabais nese momento, que non é dona de si mesma, xa sexa polo alcol ou polas drogas. Mesmo á veciñanza que estamos aquí espértannos ás tres da mañá, ás cinco da maña", explica Antonio Rodríguez Basanta, párroco do templo.
É un mal común, ao que non se lle ve unha solución doada ou inmediata.
"Tería que haber unha vixilancia nocturna", opina unha muller.
"Así terían polo menos medo por se pasan as patrullas", cre outra.
"Todos tivemos 18 anos e dicímoslles aos nosos fillos que non fagan as parvadas que fixemos nós cando tiñamos 18, co que tampouco temos moita autoridade moral", reflexiona un home.
"Sempre houbo isto. Nos últimos anos quizais máis porque a xente nova bebe máis e descontrol total", afirma unha veciña.
O párroco de San Xiao subliña que, aínda que ata agora os danos no templo e na súa contorna foron sempre reparables, están resultando custosos, por recorrentes.