Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rosa Celia Otero Graña, Acadar e os tres institutos de investigación sanitaria reciben as Medallas Pardo Bazán

Rosa Celia Otero Graña, Acadar e os tres institutos de investigación sanitaria reciben as Medallas Pardo Bazán

Os tres institutos, dirixidos por mulleres, reciben o premio por ser exemplos da incorporación das mulleres no mundo da ciencia

A asociación Acadar é premiada polo seu traballo polas mulleres con discapacidade

Rosa Celia Otero Graña é condecorada polo seu compromiso coa conquista de dereitos para as amas de casa

Entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán (EFE / Cabalar) Entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán (EFE / Cabalar)
G24.gal 02/10/2024 16:42

A Xunta entregou este martes as Medallas Emilia Pardo Bazán en recoñecemento das súas accións a favor da igualdade entre mulleres e homes aos tres institutos de investigación sanitaria de Galicia, á Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) e a Rosa Celia Otero Graña.

O xurado distinguiu ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INBIC) e ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IINGS) "por ser exemplos da incorporación das mulleres ao mundo da ciencia, xa que os tres están dirixidos por mulleres o que converte a Galicia en referente neste sentido".

"Só 10 dos 32 institutos deste ámbito que están en funcionamento en España están dirixidos por mulleres. Así mesmo, destácase que constitúen un exemplo da incorporación da perspectiva de xénero na investigación sanitaria", relata a Xunta nun comunicado.

Pola súa banda, o recoñecemento a Acadar responde ao seu "traballo por todas as mulleres con discapacidade, pola defensa dos seus dereitos e pola mellora, en xeral, das súas vidas e benestar".

Esta entidade sen ánimo de lucro constituíuse no ano 2009 por un grupo de mulleres que tiñan como obxectivos comúns conseguir a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres galegas con discapacidade.

Por último, condecórase a Rosa Celia Otero Graña, presidenta da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña.

Nada en Santiago de Compostela en outubro de 1940, ponse en valor o seu compromiso coa conquista de dereitos das mulleres, sobre todo as amas de casa, e a súa participación activa no Consello Galego das Mulleres.

As Medallas Emilia Pardo Bazán foron creadas pola Xunta de Galicia no 2019 para o recoñecemento de accións relevantes desenvoltas a favor da igualdade entre homes e mulleres. Conceden cada ano tres condecoracións de carácter honorífico e poden ser destinatarias persoas, colectivos, entidades ou institucións de carácter público e privado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade