Quintana di que os polígonos eólicos poden supoñer a fin do sector pesqueiro
Quintana di que os polígonos eólicos poden supoñer a fin do sector pesqueiro
A conselleira do Mar di que as zonas dos polígonos eólicos afectan a caladoiros fundamentais
Rosa Quintana ve marxe para reverter en Europa a decisión do veto á pesca de arrastre
A conselleira do Mar Rosa Quintana asegurou hoxe nunha entrevista no Galicia por diante con Silvia Pereira que ve marxe para negociar e reverter esa decisión do comisario europeo Sinkevicius de vetar a pesca de arrastre no 30 % das augas comunitarias en 2030. Quintana dixo que é importante levar unha posición conxunta de todas as administracións e o resto de países europeos máis afectados, como Francia ou Irlanda.
Con respecto aos plans de ordenación do espazo marítimo aprobados polo Goberno, a conselleira dixo que o emprazamento das zonas en Galicia afecta a caladoiros fundamentais e que agarda que a ministra Teresa Ribera recapacite e escoite tanto o Observatorio da Eólica Mariña como o sector pesqueiro, que quedaría ferido de morte con estes polígonos.
Rosa Quintana asegurou que pese a estar de acordo coa descarbonización e as renovables, iso non pode implicar levar por diante un sector tan importante para Galicia e para toda España como o pesqueiro.
Respecto da falta de semente de mexillón, dixo que hai que buscar solucións de futuro, xa que a capacidade de obter a mexilla de xeito natural é cada vez máis complicada. A Xunta de Galicia, dixo, traballa en diferentes proxectos coa maioría de actores do sector para atopar esas alternativas.