Rouban centos de vidros da praia dos Cristais de Laxe
Rouban centos de vidros da praia dos Cristais de Laxe
Un vídeo en redes sociais amosa un home cargando bolsas
A presión intensifícase nas xornadas festivas
O roubo de vidros na praia dos Cristais de Laxe é algo que se vén repetindo nos últimos tempos e que se intensifica en xornadas festivas.
A última denuncia foi nas redes sociais, onde se ve un home cargando bolsas de plástico sen moito miramento. É un furtivismo inédito... Un furtivismo de cristais.
Faise de forma disimulada ou con descaro. Turistas e veciños remexen confundindo os cristais con esmeraldas. Ninguén lles explicou que non se rexeneran e que tampouco teñen gran valor...
Reclamo turístico
A praia converteuse nun reclamo turístico, ao estar no traxecto da ruta dos Faros. Nas vacacións hai centos de persoas que a visitan e centos de vidros desaparecen cada día.
Hai anos estaba repleta; hoxe xa non ten nin a metade dos cristais. O mar depositáraos neste lugar erosionados. Proviñan dun vertedoiro próximo onde se botaba cerámica e botellas.
O Concello colocara un cartel recordando que non se poden levar pero alguén debeu pensar que rompendo o aviso xa non había delito.