Rouban e provocan dous incendios nunha vivenda de Guntín
Rouban e provocan dous incendios nunha vivenda de Guntín
Os asaltantes levaron un tractor e dúas rozadoras
Ardeu unha palleira, un automóbil e parte dunha nave
Un coche e unha palleira con todos os trebellos queimados e un tractor e dúas rozadoiras roubados. É o resultado do asalto que sufriu unha vivenda do lugar de Montecelo, en Guntín. O modo de proceder dos asaltantes indica, segundo a Garda Civil, que trataron de causar o maior dano posible porque prenderon lume en dous focos diferentes. Só a rápida intervención dos bombeiros de Chantada e o GES de Monterroso evitou que as lapas chegaran á vivenda principal.
Os autores do sucedido víronse favorecidos polo feito de que na contorna non hai veciños e os donos da casa non sempre están nela, polo que ninguén puido velos ou oílos. Sacaron o tractor pola porta principal e queimaron o coche dende dentro. O roubo non semella ser o móbil principal, xa que deixaron sen levar pezas e apeiros de máis valor que o que colleron. A propietaria está moi afectada polo asañamento dos asaltantes.
Axentes da Policía Xudicial xa investigan se se produciron feitos similares pola contorna para dar canto antes cos autores do roubo e dos incendios.