Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban no local de Cáritas de Sanxenxo en plena Noiteboa

Rouban no local de Cáritas de Sanxenxo en plena Noiteboa

O ladrón causou importantes estragos no local

Non é a primeira vez que asaltan a caseta de Cáritas da parroquia de Noalla

 

 

G24.gal 27/12/2023 14:02

Roubaron a comida de quen máis o precisa en plena Noiteboa. Sucedeu nesta caseta que os comuneiros de Noalla, en Sanxenxo, lles ceden aos voluntarios de Cáritas. Para entrar, o presunto autor rompeu dúas fiestras, e, xa no interior, roubou e estragou parte dos alimentos almacenados.

"Cando entrei pola porta xa vin todo roto, todo tirado e que levaran bastantes cousas", explica María Teresa Vidal Chan, voluntaria de Cáritas.

"Foi un desastre, as fiestras estaban rotas, había botes de leite picados no chan, galletas tiradas, e levou todo o aceite e as conservas, que había moitas", engade Roberto Garrido, presidente dos comuneiros de Noalla.

Hai un mes e medio sufriran outro importante roubo de víveres na caseta, daquela sen estragos. Ambos asaltos foron denunciados ante a Garda Civil, que investiga os feitos. Os veciños sospeitan dunha persoa da zona de perfil conflitivo. Temen que algún día ocorra unha desgraza.

"Hai que tomar medidas rápido porque eu temo que un día este home entre nunha casa particular e teña enfrontamento con quen estea dentro e pase calquera desgraza", engade Roberto.

Sete familias da zona reciben axuda cada mes deste almacén de Cáritas. Din aquí que se o asaltante precisaba comida, non tiña máis que pedila. 

"Do que hai repartimos sen problema, mesmo llo levamos a casa. Pero que non rompa nada, que nós non temos cartos para arranxalo", di a voluntaria.

Non só perderon os alimentos doados na campaña Quilolitro, senón que terán que arranxar os estragos. Están considerando a colocación dunha reixa no local máis solidario da parroquia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade