Rouban nunha tenda de doces e estragan as neveiras dun restaurante de Narón
Na tenda de lambetadas levaron produtos por valor de 300 euros
Os donos do restaurante van cambiar de local polos continuos roubos que sofren
Os ladróns non deixan tranquilos aos veciños de Narón. O dono dunha tenda denunciou un roubo en produtos valorado en 300 euros. E os donos dun restaurante xa decidiron marchar a outro concello despois de varios asaltos que os deixaron sen mercadoría.
Rebentaron cun mazo ou martelo o cristal dun dos escaparates do establecemento Don Lambón, situado no barrio de Freixeiro, en Narón, na estrada de Castela. Levaron de varios lotes de produtos que estaban en exposición, entre eles un de viños, outro de embutidos e un terceiro de lambetadas.
Coa chegada da policía, os ladróns fuxiron e xa non chegaron a entrar dentro do negocio, senón que levaron o que había no escaparate. Todo o botín pode estar nos 300 euros. A tenda abriu hai seis anos e é a primeira vez que sofre un roubo.
Por outra banda, un negocio de hostalería que leva vinte anos na Feira do Trece, na parroquia naronesa de Sedes, non seguirá aberto moito máis. O último roubo rematou coa paciencia dos donos.
O asaltante estragou as cámaras frigoríficas, meteu roupa na estufa de pellets que hai no comedor e plantoulle lume. Tres patrullas da Garda Civil acudiron ao lugar cando saltou a alarma. Pero o ladrón consigue fuxir.
Nos últimos meses sufriron roubos en fins de semana seguidas que deixaron os donos do establecemento sen mercadoría para os eventos que tiñan programados, entre eles vodas e bautizos, obrigándoos a ter que cambiar de menú nalgunhas ocasións.
Entre o roubada pódense contar 12 quilos de lagostinos, 60 botellas de viño, churrasco e unha boa cantidade de zamburiñas e polbo, ademais de baleirarlles as cámaras dos iogures, flans e sobremesas lácteas, vinte sacos de patacas e varias botellas de aceite virxe extra.