Publicador de contidos
Publicador de contidos

Roubo das campás dunha capela en Santiago á maneira dunha película

Roubo das campás dunha capela en Santiago á maneira dunha película

Os ladróns subiron ao tellado e desde alí lanzáronas a un colchón no chan para non espertar os veciños e atenuar o ruído

G24.gal 12/09/2024 14:39

Os veciños do barrio dos Pelamios en Santiago non saen do seu asombro. Roubaron as campás da capela da Nosa Señora da Fonte nun asalto en que os ladróns usaron un método propio dunha película para non espertar os veciños

Milagros e Dolores foron as primeiras veciñas que as notaron en falta e avisaron o párroco. Alguén levara as campás da capela do barrio.

"Vin a cadea rota e non lle din importancia, doutras veces pasara, pero cando mirei cara arriba quedei alucinada, pensei que non vía ben"

"No chan había restos e cando me puxen a mirar para o campanario vin que faltaban as dúas campás, a grande e a pequena", din as veciñas.

Supostamente, os ladróns lanzáronas desde o campanario a un colchón colocado no chan para atenuar o ruído. Posiblemente, unha non caeu no sitio xa que no adro aínda se poden ver anacos rotos e o badalo dunha delas.

"Tiña que ser spiderman para subir ao tellado, non é fácil. Tamén moi intelixente para poñer o colchón e que non se escoitara a caída. E moi forte, porque pesan moitísimo", explica Dolores.

O párroco non tardou en denunciar os feitos que agora investiga a brigada de Patrimonio da Policía Nacional. Non sabe cantos anos tiñan as campás, pero a capela data do século XV. Sospeita que as roubaron para vender o bronce que puideran ter.

"Eu supoño que o venderán como bronce, poden facelo en moitos sitios e daranlles catro perras por elas. A elas sérvelles, despois os compradores xa o revenderán por máis prezo", sospeita Víctor Manuel Sánchez, o párroco da capela da Nosa Señora da Fonte.

Mentres agardan que se resolva o caso, os veciños non poden deixar de mirar o oco do campanario e escoitar o silencio que deixa no barrio a súa falta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade