Vigo achégase ao cheo de ocupación na ponte de decembro
Vigo achégase ao cheo de ocupación na ponte de decembro
As reservas están moi próximas ao 95 %, sobre todo na fin de semana
Aínda quedan prazas libres, sobre todo o mércores e o xoves
"Vimos de Getxo, un lugar moi preto de Bilbao. Imos estar tres días".
"Vimos de Oviedo. Chegamos o xoves á noite e estamos aquí tres días".
Así son os perfís das persoas que visitan Vigo este mes de decembro. Algúns aproveitan as luces para achegarse ata aquí. Outros simplemente para coñecer a cidade. A estampa comeza a ser habitual cada fin de semana e pode repetirse durante a ponte festiva.
"Prevese coma esta fin de semana un case cheo total, é dicir, o cen por cento. Quedan un par de cuartos por vender, os máis caros", asegura Víctor Mourelos, xefe de recepción do hotel Pazo Os Escudos.
Este establecemento está a uns quince minutos do centro da cidade. Canda el, outros da contorna, de Nigrán, Baiona, O Morrazo ou mesmo a cidade de Pontevedra, reciben turistas que veñen ver as luces.
"O sector está moi satisfeito. Son altas ocupacións con moito volume de persoas. Isto quere dicir que imos chegar ao cheo durante a ponte".
É a previsión de César Ballesteros, o presidente da Federación de Hostaleiros da provincial de Pontevedra.
"O punto crítico é venres e sábado. Pero para mércores e xoves aínda existe a posibilidade de atopar aloxamentos en Vigo".
O sector celebra un mes de moito traballo. Esta fin de semana tamén rozaron o cheo grazas aos turistas chegados dende Portugal.
"En Portugal tiñamos un feirado, entón viñemos para ver as luces. De feito, estamos a hora e media de aquí e polos nenos viñemos".
"Para nada agardabamos tanta xente. Incrible, máis que Madrid, máis que Nova York... pero é o que hai".
Son as verbas dalgúns visitantes que seguen sorprendéndose pola cantidade de xente que recibe Vigo estes días. Segundo as previsións do sector, as reservas seguirán subindo despois da ponte festiva.