Rueda afianzaría a maioría absoluta na Xunta e Feijoo sumaría nas xerais en Galicia 3 escanos máis que o resto, segundo Sondaxe
Rueda afianzaría a maioría absoluta na Xunta e Feijoo sumaría nas xerais en Galicia 3 escanos máis que o resto, segundo Sondaxe
Rueda afianzaría a maioría absoluta na Xunta e Feijoo sumaría nas xerais en Galicia 3 escanos máis que o resto, segundo Sondaxe
Os populares conseguirían 41 deputados nas autonómicas e 13 dos 23 que ten Galicia nas xerais
O BNG melloraría resultados como segunda forza nas galegas pero sería a cuarta nas xerais
O PSdeG terían o peor resultado da súa historia nas galegas e podería perder 4 dos 10 deputados que tiña nas xerais
Sumar sería a terceira forza nas xerais con 2 escanos na Coruña e Pontevedra
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo afianzan por unha banda a maioría absoluta do PPdeG na Xunta e por outra sumarían nas xerais en Galicia tres escanos máis que o resto de forzas xuntas. Así se tira dunha enquisa de Sondaxe que hoxe sábado publica La Voz de Galicia. Segundo este estudo demoscópico, os populares conseguirían 41 deputados de celebrarse hoxe eleccións autonómicas e 13 dos 23 deputados que hai en xogo na comunidade nas eleccións xerais. O BNG tería resultados diferentes, segundo Sondaxe. Nas galegas melloraría os seus resultados como segunda forza, pero esta enquisa apunta a que nos comicios do 23 de xullo quedará lonxe de lograr grupo propio en Madrid. Podería obter dúas actas, pero con menos votos na comunidade que Sumar e que o PSOE. Os socialistas consolidan a tendencia á baixa en ambos os escenarios electorais. Nas xerais poderían perder 4 dos 10 deputados que tiñan e nas autonómicas terían o peor resultado da súa historia. En ningún dos comicios Vox conseguiría representación en Galicia
ENQUISA AUTONÓMICAS
Segundo Sondaxe, o PPdeG pode conseguir 41 deputados nunhas autonómicas galegas, 7 máis que a suma dos partidos da oposición. Sería un menos que na actual lexislatura, pero terían 4 escanos de marxe sobre a maioría absoluta. Alfonso Rueda sumaría o 46,5% dos votos. Son case 20 puntos máis que o BNG, que sería a segunda forza no Parlamento autonómico e podería chegar aos 21 escanos, o que sería o mellor resultado da súa historia. Conseguiría 2 deputados máis que agora, un por Pontevedra e outro por Ourense. Os deputados que gañaría o BNG perderíaos o PSdeG que, en cambio, medraría un en Lugo. Facendo a suma, os socialistas quedarían en 13 escanos, o que sería o peor resultado da súa historia. A enquisa de La Voz calcula que ningunha outra forza conseguirá representación no Parlamento autonómico. Vox estaría moi lonxe, con apenas o 2,5% do voto en Galicia. Tamén quedaría fora Sumar, á espera de que se concrete que fará e como concorrerá aos comicios galegos este espazo político.
ENQUISA XERAIS 23 XULLO
O estudo de Sondaxe tamén recolle un posible escenario das xerais do 23 de xullo. Nel, Alberto Núñez Feijoo conseguiría en Galicia o 40% dos votos, o que se traduciría en 13 dos 23 escanos que hai en xogo. Os populares conseguirían 3 deputados máis dos que teñen agora, mellorando 8 puntos os resultados que obtiveran nas últimas xerais. O PSOE, en cambio, perdería 4 dos 10 escanos que tivera na comunidade en 2019. Perdería un por provincia e quedaría en 6. Sumar sería nas xerais a terceira forza en Galicia. Conservaría os dous deputados que conseguira nas últimas xerais a marca Galicia en Común-Unidas Podemos, un por Pontevedra e outro pola Coruña. Sumar tería agora 13,2% dos votos, 2,7 puntos máis que o Bloque, que -segundo esta enquisa- quedaría como cuarto partido máis votado nas eleccións do 23 de xullo. Os nacionalistas, con todo, conseguirían mellorar os resultados que tiveran en 2019 e agora obterían 2 escanos -un pola Coruña e outro por Pontevedra- en todo caso lonxe de lograr grupo propio en Madrid.