Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda confía nun bo resultado nas municipais e anima a traballar "sen sectarismos"

Rueda confía nun bo resultado nas municipais e anima a traballar "sen sectarismos"

O líder do PPdeG presumiu na romaría do Pino de presidir "o mellor Goberno e o mellor partido de España"

G24.gal 29/04/2023 14:36 Última actualización 29/04/2023 14:57

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, presumiu na romaría do Pino que celebran este sábado os populares da provincia da Coruña de presidir "o mellor Goberno e o mellor partido de España". No evento participan máis de 700 persoas entre cargos da formación, militantes e simpatizantes.

"Somos un partido sen personalismos, somos un equipo que lle quere a Galicia. Eu quero darlles as grazas a todos os que neste ano non só o mantiveron unido o partido, senón que o agrandaron", dixo o líder dos populares galegos.

Alfonso Rueda dixo que o partido está nun gran momento e amosouse convencido de que van obter un bo resultado nas municipais e referiuse aos candidatos do PP ás alcaldías de Santiago (Borja Verea), A Coruña (Miguel Lorenzo) e Ferrol (José Manuel Rey) como "futuros alcaldes".

Para conseguilo animou os candidatos populares a traballar con humildade e sen dar nada por gañado e sen facer caso das enquisas.

"Hai que traballar sen complexos, sen sectarismos e pensando en todo o mundo. E pensar en todo o mundo é pensar nos 313 concellos, pensar en Galicia e nunha España gobernada por Alberto Núñez Feijóo. Conta con nós, Alberto; imos traballar, imos arrouparte e imos ter un gran resultado", concluíu Rueda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade