Rueda destaca o interese doutras comunidades nas medidas da Xunta fronte á falta de médicos
Rueda destaca o interese doutras comunidades nas medidas da Xunta fronte á falta de médicos
Di que a Xunta seguirá priorizando o gasto na sanidade para conseguir outros retos, como volver ás listas de agarda de antes da pandemia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, di que xa hai varias comunidades autónomas interesadas no plan galego para mellorar a sanidade pública. Tras asistir á reunión anual da Sociedade Galega de Oftalmoloxía en Santiago, o xefe do Goberno galego asegurou que as medidas aprobadas nas últimas semanas axudarán a solucionar o problema máis inmediato do sistema sanitario, que é a falta de médicos.
Rueda defendou as medidas "innovadoras" aprobadas en Galicia, como ofrecerlles un contrato de tres anos aos médicos de familia que rematan o MIR ou o concurso de méritos para que 500 profesionais ocupen postos de difícil cobertura, por exemplo, en hospitais comarcais.
"É un avance importante. Non se está facendo noutros sitios e xa outras comunidades autónomas nos últimos días xa se puxeron en contacto con nós para saber en que consisten e ver se as poden implantar".
O presidente da Xunta destaca o esforzo orzamentario e organizativo deste plan. Agradece tamén a acollida dos profesionais sanitarios a estes anuncios fronte ás críticas da oposición.
"De parches falan os representantes do PSOE e do BNG, que lles podo asegurar que non saben en que consisten as medidas. Aqueles cos que estamos falando para explicárllelas, que son os médicos, non falan de parches, falan de que son medidas que é bo que implantemos".
Alfonso Rueda di que a Xunta seguirá priorizando o gasto na sanidade para conseguir outros retos, como volver ás listas de agarda de antes da pandemia.