Galicia deflatará o IRPF ás rendas inferiores de 35.000 euros
Galicia deflatará o IRPF ás rendas inferiores de 35.000 euros
A medida, con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro, supón "unha media de aforro de 450 euros ao ano por cada galego e cada galega"
Que é a deflatación e como funciona?
Tanto o BNG como o PSdeG critican "as baixadas de impostos para ricos ordenadas desde o PP de Madrid"
Galicia deflatará o IRPF con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2022, o que supoñerá un "aforro" na próxima declaración de 46 millóns de euros para as rendas medias e baixas, menores de 35.000 euros, anunciou este martes o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Alfonso Rueda explica que a Xunta vai descontar o impacto da alza de prezo no imposto da Renda, "para descontalo xa neste exercicio".
"O Goberno galego introduce nos orzamentos de 2023 con efectos desde o 1 de xaneiro de 2023 unha deflatación do IRPF nos seus tres primeiros treitos ata os 35.000 euros e nos mínimos persoal e familiar. Vanse beneficiar todos os contribuíntes ata os 35.000 euros, algo que vai favorecer as rendas medias e baixas". "Suporá, na declaración da renda que se fai en abril, un aforro para os galegos de máis de 46 millóns de euros. Isto supón unha media de aforro de 450 euros por cada galego e cada galega".
Nunha intervención no Parlamento galego sobre as liñas básicas dos orzamentos para o próximo ano, Rueda tamén defendeu a bonificación ata o 50 % do imposto de patrimonio anunciada a pasada semana, e asegurou que a comunidade conta cunha senda fiscal "propia, sensata, progresiva e sostible; sen dogmatismos e sen improvisación" que garante a prestación dos servizos públicos.
Rueda asegurou que a deflatación do IRPF é unha medida "xusta" e trata de evitar que a alza de prezos teña un dobre impacto na tributación, polo que se elevará un 4,1 % o límite para saltar dun tramo a outro.
O presidente galego indicou que a senda fiscal "propia", independente da do Goberno e tamén doutras autonomías, consiste en non pedir ás economías domésticas, aos autónomos e ás empresas "máis do que sexa necesario para garantir o funcionamento óptimo" dos servizos públicos.
Segundo o titular da Xunta, "non é o momento" en Galicia para eliminar ao 100 % o imposto de patrimonio, como fixeron outras autonomías e garantiu que o teito de gasto "histórico" para o próximo ano, de 12.599 millóns de euros de gasto non financeiro, permitirán a prestación duns servizos públicos de calidade.
Deste xeito, sinalou, desde que o PP goberna en Galicia en 2009 os galegos aforraron "máis de 1.200 millóns de euros en impostos, con tres baixadas do IRPF (2014, 2016 e 2022), a redución do imposto de transmisión patrimonial, a eliminación do imposto de sucesións para o 99,9 % dos galegos, entre outras".
O titular da Xunta detívose noutras dúas medidas -xa anunciadas- sobre o IRPF, polas que se equiparará fiscalmente ás familias con dous fillos ás familias numerosas (a partir do terceiro) e a estas outras se lles bonificará con 250 euros a partir do terceiro fillo, o que terá un impacto de 18 millóns de euros.E tamén se reducirá do 9,4 % ao 9 % o primeiro tramo do IRPF, unha medida que supoñerá un "aforro" de 16 millóns de euros.
O presidente galego afirmou que con estas medidas os galegos pagarán 450 euros menos en impostos que en 2009.
Rueda anunciou que os cinco asuntos claves dos orzamentos son "política fiscal, rede de protección social, estratexia galega en materia de enerxía, vertebración e ordenación do territorio e relación co Goberno central, clave para conseguir as metas que nos marcamos".
Na parte autonómica do IRPF, Rueda anuncia que "o primeiro treito do IRPF baixará do 9,4 ao 9 %. Isto vainos situar como a segunda comunidade de España con menos impostos para as rendas máis baixas".
Axudas á Política Social
Nos orzamentos de 2023 a Xunta vai ampliar de axudas aos galegos que retornen, ao menores de 35 anos que queiran adquirir unha vivenda, amentan máis dun 100 % as axudas ao alugueiro. Tamén se amplía o gasto público en servizos sociais e na atención aos maiores.
A sanidade pública tamén contará un incremento de máis de 215 millóns e euros e gasto público para a súa mellora, explica Rueda.
Axudas ao aforro enerxético
Os orzamentos de 2023 están destinados tamén a protexer os galegos dos vaivéns do mercado enerxético, dixo o presidente da Xunta.
"Incluirán o maior investimento público histórico de Galicia en materia enerxética: duplicaremos os fondos destinados ao aforro enerxético de 40 a 80 millóns de euros".
"Destinaranse a axudas para a instalación de sistemas de aforro enerxético nas vivendas, fomento do autoconsumo e almacenamento para fogares e pequenas e medianas empresas, un bono para que as Pemes paguen menos pola luz e contraten auditorías enerxéticas que lles permitan reorientar a reducción do gasto e duplicaremos os fondos destinados a pagar as facturas dos máis vulnerables".
Rueda: "Os orzamentos de 2023 incluirán o maior investimento público da historia de Galicia en materia enerxética. Duplicaremos os fondos destinados ao aforro e eficiencia enerxética e pasaremos de 40 a 80 millóns de euros".
Axudas a autónomos
A Xunta duplica as axudas aos autónomos. "Pasamos de 33 a 70 millóns, unha blindaxe para protexer amáis de de 25.000 autónomos ante o prezo crecente das facturas. Serán de media 1.200 euros ao de axuda", explica Rueda no Parlamento.
Vertebración do territorio
As peaxes das autoestradas que dependen da Xunta de Galicia "conxelarán o prezo das peaxes, tanto a que vai de Vigo a Baiona como a que vai de Coruña a Carballo". "Instarei o presidente do Goberno para que conxele tamén as peaxes que dependen da administración a AP-9 como a A-53".
Plan para o aproveitamento sustentable do rural
Os orzamentos de 2023 amplía o gasto para consolidar un plan de aproveitamento sustentable do rural, concentración parcelaria, apoio aos gandeiros no control da poboación de lobos e para facer unha blindaxe ante os incendios forestais, ampliando o contrato de 9 a 12 meses o contrato de máis de 600 efectivos de defensa contra os lumes a partir do ano que vén, explicou o presidente da Xunta.
Na súa comparecencia a petición propia, o presidente da Xunta tamén anunciou que Galicia "remitirá ao Goberno de España unha batería de argumentos técnicos, medio ambientais e socioeconómicos que avalen a posición de Galicia e outras comunidades autónomas. O futuro dunha pesca de fondo sustentable está en xogo".
Rueda denuncia "pasividade" do Goberno coa sanidade, os fondos europeos e a pesca
O presidente da Xunta denunciou a "pasividade" coa que cre que o Goberno central actúa tanto ante as dificultades da sanidade pública, como con respecto ao reparto dos fondos europeos ou ante o veto da UE á pesca de fondo en 87 zonas. ao tempo que asegurou que manterá "cooperación leal" co Executivo de Pedro Sánchez.
En concreto, sobre o veto da pesca de fondo, volveu esixir a España que presente un recurso ante o Tribunal de Xustiza da UE e opte pola liña mostrada onte polo ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, neste sentido e non pola do conselleiro de Consumo, Alberto Garzón, quen "non era consciente de que Galicia tiña un problema coa pesca".
Rueda comprometeuse a que, pola súa banda, a Xunta achegará unha "batería de argumentos técnicos, medioambientais e socioeconómicos" para avalar a posición de Galicia e doutras comunidades fronte a esta decisión da UE de vetar o arrastre de fondo, que afecta directamente uns 200 buques e 500 indirectamente.
Así mesmo, advertiu de que a actitude de "falta de impulso" do Goberno central no repartimento de fondos europeos "ameaza con deixar de aproveitar a maior oportunidade que tivo España" de financiamento europeo, para o que instou a poñer a disposición do tecido produtivo os 26.400 millóns de euros que "garda nun caixón".
No que respecta á sanidade, volveu esixir ao Goberno que "tome decisións" para solucionar a falta de especialistas en medicina familiar e apuntou que a Xunta, pola súa banda, vai destinar un total de 65 millóns de euros en 2023, un 10% máis, para formar médicos e enfermeiras para reforzar a atención primaria.
Entre os deberes que lle deu ao Goberno central, Rueda anunciou que nos próximos días enviará unha carta ao presidente Pedro Sánchez para esixirlle a conxelación das peaxes das autoestradas do Estado en Galicia, a AP-9 e a AP-53, porque sería "unha inxustiza enorme" non facelo, despois de que o Executivo galego anunciara que vai conxelar os da súa competencia.
O BNG cre que Rueda ataca "o benestar dos galegos" coas súas contas
A líder do BNG, Ana Pontón, denunciou este martes que as liñas básicas dos orzamentos da Xunta para o próximo ano, que inclúen rebaixas fiscais para “os amigos do PP”, evidencian un “ataque ao benestar dos galegos”.
Na súa quenda de réplica tras a intervención do presidente da Xunta, Pontón lamentou que Rueda non opte por aplicar nos seus primeiros orzamentos á fronte do Executivo galego unha “redistribución xusta da riqueza” que supoña blindar os servizos públicos.
A nacionalista reprochou que a elaboración das contas do próximo exercicio non tivese en conta as “familias que xa están en números vermellos, os pensionistas que recorren a comedores sociais, a quen solicita a RISGA ou aos mozos que non teñen diñeiro para pagar un alugueiro” mentres redactaron un proxecto orzamentario á medida “dos ricos deste país”.
As decisións adoptadas pola Xunta supoñen, por tanto, “un insulto á maioría dos galegos” porque con anuncios como a deflatación do IRPF o que pretenden, axuizou, é “enganar a xente”, xa que supón un aforro de nin catro euros ao mes e que non permite camiñar cara a unha fiscalidade xusta.
Pontón foi especialmente crítica coa bonificación ata o 50 % do imposto de patrimonio anunciada a pasada semana, xa que impide a contratación de profesores e médicos ou manter medidas necesarias como a tarxeta básica.
A xuízo da nacionalista, Rueda presentou este “pelotazo fiscal” cun “descaro” digno dun dirixente popular xa que “lle baixa os impostos aos ricos e xustifícao como axuda para que as familias cheguen a fin de mes”. “A que familias quere axudar?, ás que teñen patrimonios millonarios?”, cuestionou a líder do Bloque, que tachou esta cuestión de “auténtica desvergoña” porque o PPdeG deixa claro que “gobernan para unha minoría”.
Pontón tamén ironizou con que sexa o expresidente galego e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, quen segue decidindo os orzamentos dos galegos porque realmente Alfonso Rueda é “un presidente de palla que fai o que lle ordenan desde Madrid” porque se limita a ser un “recadeiro da rúa Génova que pon os intereses do PP por diante dos intereses de Galicia”.
Pontón propuxo unha política fiscal xusta e progresiva para que “pague máis quen máis ten” mediante a retirada da bonificación aos grandes patrimonios, a redución do mínimo exento e introducindo unha maior progresividade co incremento dos tipos establecidos no imposto de patrimonio, así como un aumento na tributación de forma progresiva para as bases liquidables máis altas no IRPF.
PSdeG reprocha a Rueda “incapacidade” para aproveitar orzamentos históricos
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, criticou este martes os anuncios avanzados polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, respecto a as liñas básicas das contas para o próximo ano, pois ao seu xuízo evidencian a súa “incapacidade para aproveitar uns orzamentos para resolver problemas históricos”.
Na súa quenda de réplica tras a intervención do presidente galego, Álvarez considerou que o alcance das medidas anunciadas non servirán para dar protección á maioría social fronte ás consecuencias da pandemia sanitaria e a crise derivada da invasión de Ucraína.
O socialista lamentou que a pesar dunha intervención por parte de Alfonso Rueda infestada de “intencións”, hai que “facer un exercicio de imaxinación” para crer que se poden reforzar os servizos públicos ou garantir o sistema de benestar mediante rebaixas fiscais para os máis ricos como as que contemplan as contas do próximo exercicio, e iso a pesar de que “a Xunta nunca tivo unha capacidade tan favorable de dispoñibilidade orzamentaria”.
A pesar diso, segundo Álvarez, o Goberno autonómico presidido polo PPdeG decidiu “axudar a quen non teñen o máis mínimo problema para chegar a fin de mes” coa bonificación ata o 50 % do imposto de patrimonio anunciada a pasada semana e que o socialista pediu retirar.
“Señor presidente, renuncie a esa medida e recupere os ingresos que vai perder” xa que con eses máis de 30 millóns de euros que non chegarán ás arcas públicas poderíase contratar por centos de médicos e profesores que permitirían mellorar os servizos públicos esenciais.
Así, Álvarez recriminou ao presidente que optase por este modelo de comparecencia para debullar os orzamentos da Xunta para o próximo ano sen aceptar incorporacións dos grupos da oposición xa que con algúns dos anuncios puxo de manifesto que as contas para 2023 “xa están feitas” e a pesar de que o Parlamento non as coñece, a Xunta e o PP si.
“Este é un debate marcado porque os orzamentos da Xunta para 2023 xa están feitos como evidencian as cifras que foi dando” cos anuncios “tímidos” que ademais reflicten que Galicia é incapaz de ter unha “senda propia” e é o PP a nivel estatal o que marca o rumbo do futuro da comunidade galega.
Finalmente, tamén reprochou ao presidente galego que utilizase a súa comparecencia sobre os orzamentos como un debate de política xeral e cun ataque ao Goberno central con “algunhas afirmacións que chaman poderosamente a atención” pois a Xunta atribúese medidas que son estatais como a protección aos consumidores vulnerables.
Puy critica "incoherencia" da oposición fronte á "transparencia" de Rueda
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, criticou a "incoherencia" e as "trampas" dos grupos da oposición, fronte ao "exercicio de transparencia" que cre que fixo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa comparecencia no pleno do Parlamento sobre as principais liñas dos orzamentos autonómicos de 2023.
Na súa intervención, Puy considerou que o Goberno galego está a facer o papel "que ten que facer", que é apoiar ás familias, e defendeu que as prioridades das contas públicas son as "adecuadas" para o momento actual e marcan o rumbo de Galicia e un "proxecto de país".
Pola contra, considera que a oposición está, en primeiro lugar, "facendo trampa" no debate do Imposto sobre o Patrimonio para non entrar a falar do "aforro" aos contribuíntes que supón tamén as reducións anunciadas no resto dos impostos para as rendas máis baixas.
Así, citou unha frase da líder do BNG, Ana Pontón, na que di "dime a quen rebaixas os impostos e direiche para quen gobernas", en referencia ás rendas máis altas, para darlle a volta porque é á maioría da poboación á que o PPdeG reduce os impostos, asegurou Puy.
Polo que respecta ao PSdeG, Puy dixo que está "algo perdido" no tema dos impostos porque "non é verdade" que a Xunta estea a quitar en rebaixas impositivas cunha man o que recibe do Estado por outra, porque o financiamento autonómico "non implica que o que se deixa de recadar en Galicia o Estado vai compensar", xa que o cálculo realízase con respecto ao que se recadaría sen as reducións.
Puy concluíu que fronte ás "incoherencias" da oposición tanto a nivel interno de cada partido, BNG e PSdeG, como entre eles, Rueda presentou unhas liñas orzamentarias "adecuadas para o difícil momento" que se vive actualmente.