Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda espera reunirse con Sánchez "canto antes"

Rueda espera reunirse con Sánchez "canto antes"

O presidente da Xunta espera que a visita do ministro de Transportes da próxima semana sirva para "concretar" peticións

EFE/Salvador Sas
G24.gal 10/05/2024 17:36

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que este venres solicitou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, manter un primeiro encontro despois de tomar posesión no cargo tras as eleccións do pasado mes de febreiro. Así o sinalou ante os medios de comunicación antes de asistir ao acto de entrega das Medallas Anfaco-Cecopesca 2024 que se celebrou en Vigo na sede do Círculo de Empresarios de Galicia.

O líder autonómico dixo que agarda que esta reunión se produza "canto antes", aínda que recoñeceu que, tras ser solicitada hoxe, Moncloa necesitará un "tempo prudencial" para marcar unha data.

Esta cita producirase despois de que Alfonso Rueda fose recibido polo rei Filipe VI esta mesma semana. Preguntado tamén sobre a reunión co ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, que visitará Galicia a semana que vén, Rueda dixo que espera que "todas as reclamacións" que se viñeron facendo nos últimos meses por parte da Xunta "se concreten" e se dea traslado á información que se reclamou e que "ata o de agora non se forneceu". E a partir de aí, segundo dixo, haberá que traballar.

"O que quero é ir con formulacións para que se concreten e para que o que Galicia demanda desde hai tempo, e creo que Galicia merece e ten todo o dereito a que se converta en realidade", engadiu. "Para iso necesitamos a colaboración e a implicación do Goberno Central, e se o temos eu serei o primeiro en recoñecelo", subliñou, explicando que Puente vén a Galicia para anunciar a chegada do AVE a outras cidades, como Vigo ou Santiago.

Respecto diso, pediu que se concreten o número de prazas e as frecuencias e unha diminución de prezos. Tamén pretende falar con el do Corredor Atlántico, para saber "compromisos concretos e suficientes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade