Rueda reúnese cos presidentes dos colexios médicos de Galicia
Rueda reúnese cos presidentes dos colexios médicos de Galicia
O presidente da Xunta pediralles "axuda para facer presión" ante o Ministerio para que convoque máis prazas de MIR
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reúnese esta tarde cos presidentes dos colexios médicos das catro provincias para falar da situación da Sanidade en Galicia. A falta de médicos na Atención Primaria será un dos temas centrais desta xuntanza.
A cita é ás 18:30 en San Caetano e foi convocada pola Xunta hai semanas co obxectivo de acordar cos profesionais solucións aos problemas da Sanidade, especialmente na Atención Primaria. Os médicos veñen a esta reunión coa intención de explicarlle ao presidente o seu día a día e proporán reestruturar os centros de saúde ante a escaseza de facultativos.
Alfonso Rueda coincide en que hai que arranxar ese problema o antes posible, polo que lles vai pedir unir forzas fronte ao Ministerio para que convoque máis prazas de MIR. Rueda asegura tamén que o Sergas vai manter o persoal contratado pola covid nas áreas onde sexa máis necesario. Dende a Xunta confían en chegar a puntos de encontro na reunión desta tarde.