Rusia e Ucraína acúsanse mutuamente do ataque á rede eléctrica de Chernóbil
Rusia e Ucraína acúsanse mutuamente do ataque á rede eléctrica de Chernóbil
O Goberno ucraíno pide un cesamento do fogo para reparar a subministración eléctrica
O ministro de Exteriores ucraíno di que as fugas de radiación poden ser inminentes
A ONU afirma que esta perda de enerxía non ten ningún impacto crítico na seguridade
Rusia afirmou que forzas ucraínas atacaron a rede eléctrica que abastece a central nuclear de Chernóbil e que foron expertos rusos os que actuaron para cambiar os xeradores diésel de reserva.
O viceministro de Defensa de Rusia Nikolai Pankov respondía así nunha conferencia de prensa ás acusacións de responsables ucraínos, que dixeron que a central quedara sen electricidade por mor da ocupación rusa.
“Debo sinalar con gran pesar que os nacionalistas ucraínos cometeron outra provocación, unha provocación extremadamente perigosa. Atacaron a subestación e as liñas eléctricas que alimentan a planta de enerxía nuclear de Chernóbil. Os expertos rusos tomaron medidas inmediatas para cambiar a fontes de enerxía do xerador diésel de apoio", dixo Pankov.
Ucraína bótalle a culpa a Rusia
A Compañía Nacional de Enerxía Ukrenergo informou de que a planta de Chernóbil quedou sen electricidade por mor dos ataques das tropas rusas.
O ministro de Exteriores ucraíno Dmitro Kuleba alertou de que os xeradores de electricidade que abastecen a central teñen unha capacidade de reserva dunhas 48 horas e, transcorrido ese tempo, os seus sistemas de arrefriamento pararán.
"Os xeradores de reserva teñen unha capacidade de 48 horas para alimentar a central nuclear. Despois diso, os sistemas de arrefriamento da instalación de almacenamento de combustible nucleargastad quedarán detidos, o cal fará que as fugas de radiación sexan inminentes", advertiu Kuleba nunha mensaxe en Twitter.
"A guerra bárbara do presidente de Rusia Vladimir Putin pon en perigo a toda Europa. Deben detelo de inmediato!", engadiu o responsable de Exteriores.
O Goberno ucraíno pide un alto o fogo para reparar a subministración eléctrica, que só ten capacidade para 48 horas.