Rusia avanza lenta no leste de Ucraína e prepara a contenda no sur
Rusia avanza lenta no leste de Ucraína e prepara a contenda no sur
Nancy Pelosi visita Kíiv para mostrar o apoio dos EUA a Ucraína
Moscova di que evacuou máis dun millón de ucraínos a Rusia
Nancy Pelosi é a dirixente estadounidense de rango máis alto que visita Ucraína desde que comezou a guerra. A presidenta da cámara de representantes dos Estados Unidos presentouse por sorpresa en Kíiv.
Pelosi deulle as grazas a Zelenski. Dixo que loitaba pola liberdade de todos e garantiulle o compromiso dos Estados Unidos con Ucraína ata o final. Zelenski subliñou que a súa visita era unha mostra de apoio moi importante para Ucraína.
A actriz estadounidense Angelina Jolie, embaixadora especial de ACNUR, tamén se desprazou a Ucraína, concretamente a Leópolis, onde se viu con desprazados e voluntarios.
Kíiv di que actualmente Rusia prepárase para facerse co sur e advirte de que é posible que tamén ataque con mísiles desde Belarús a todo o país. Aínda que Moscova está reforzando a fronte leste con máis armas e soldados, analistas como o Instituto para o Estudo da Guerra ven improbable que faga avances importantes alí neste momento.
Un dos combatentes ucraínos que resiste na siderurxía de Mariupol, asediada polos rusos, confirmou que as partes pararan o fogo e puideran evacuar unha vintena de mulleres e nenos este sábado. Rusia elevou a cifra, asegurou que facilitara a saída de 46 veciños. No lugar quedarían, porén, un milleiro de soldados e civís, máis da metade feridos.
Ao respecto das evacuacións, Moscova admitiu que desde que empezou a contenda enviou a Rusia máis dun millón de persoas. Ucraína fala de secuestros.