Rusia destrúe con mísiles o centro histórico de Odesa, patrimonio da humanidade
Rusia destrúe con mísiles o centro histórico de Odesa, patrimonio da humanidade
O presidente de Ucraína condena o ataque e promete represalias
Moscova di que ía dirixido contra drons acuáticos e mercenarios
Os ataques rusos efectuáronse con 19 mísiles de precisión de longo alcance de emprazamento terrestre e marítimo, segundo confirmou Kíiv, nunha cidade castigada durante toda a semana.
Segundo fontes policiais e militares, unha persoa morreu e outras 22 quedaron feridas, incluídos catro menores, no ataque nocturno contra a rexión.
Ademais de infraestruturas civís, bloques de apartamentos e coches, quedou moi prexudicada a catedral da Transfiguración de Odesa, onde se declarou un incendio. É o principal templo ordodoxo da cidade e depende do Patriarcado de Moscova.
Segundo lembra o reporteiro Marcos Méndez, que viviu en directo a ofensiva, é a primeira vez que Rusia ataca o centro histórico desta perla do Mar Negro, patrimonio da humanidade.
Condena e represalias
O presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, prometeu que haberá represalias tras o novo ataque nocturno ruso con 19 mísiles contra a cidade portuaria e a rexión ucraína de Odesa que deixou un morto e 22 feridos, entre eles catro menores.
"Mísiles contra cidades pacíficas, contra edificios residenciais, unha catedral... Non pode haber escusa para a maldade rusa. Coma sempre, este mal perderá. E definitivamente haberá represalias para os terroristas rusos por Odesa. Sentirán estas represalias", escribiu nunha mensaxe en Telegram.
Asegurou que se está a brindar asistencia a todas as persoas que sufriron "este último ataque terrorista".
"Estou agradecido con todos os que están a axudar ás persoas e con todos os que están con Odesa nos seus pensamentos e emocións. Imos saír disto. Restauraremos a paz. E para iso, é necesario derrotar o mal ruso", sinalou.
O ministro de Exteriores ucraíno, Dmitro Kuleba, chamou á comunidade internacional a condenar este novo ataque contra esta cidade portuaria do Mar Negro.
"O maior ataque perpetrado nunca antes contra un importante porto vital para a seguridade alimentaria mundial é un ataque contra toda a comunidade internacional. Insto a todos os estados e organizacións a condenar este bárbaro crime de guerra", escribiu en Twitter.
Agregou que "os bombardeos de mísiles rusos matan persoas e arruínan sitios icónicos en Odesa, protexida pola UNESCO".
Resposta de Rusia
O Ministerio de Defensa de Rusia asegurou que o ataque perpetrado esta madrugada contra Odesa, a cidade ucraína principal no Mar Negro, estaba dirixido contra drons acuáticos e mercenarios estranxeiros.