Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez anuncia o envío de 5.000 militares máis a Valencia e duplica o número de policías

Sánchez anuncia o envío de 5.000 militares máis a Valencia e duplica o número de policías

Empraza a Mazón a pedir todas as axudas que precise

O Goberno aprobará o martes a declaración de zona gravemente afectada para os lugares máis golpeados

Eleva a 211 os cadáveres xa recuperados en Valencia

Militares da UME durante os traballos de rescate e recuperación de vítimas
G24.gal 02/11/2024 11:26 Última actualización 02/11/2024 20:32

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou que, a pedimento do presidente da Generalitat valenciana, Carlos Mazón, enviará a 5.000 militares máis aos 3.000 xa despregados para axudar nos traballos de rescate e emerxencia nas zonas afectadas pola DINA. Tamén chega á zona o buque anfibio Galicia da Armada. Xa saíu de Rota cara a Valencia.

Ademais, o Goberno duplicará o número de efectivos de Policía Nacional e Garda Civil, ata superar os 10.000.

Os primeiros 4.000 militares do continxente anunciado chegarán este mesmo sábado á zona afectada polas inundacións para traballar durante 24 horas.

O desastre natural máis grave do continente neste século

Sánchez apela a afrontar de xeito decidido o que considera "a inundación más grave viviu o noso continente neste século": "Debemos facelo xuntos, unidos" incidiu.

"Con case toda seguridade, falamos da inundación máis grave que viviu o noso continente no que vai de século. Sei que hai carencias severas e municipios sepultos polo lodo e a lama. Sei que temos que mellorar, pero tamén se que temos que facelo xuntos, unidos.

Non se trata agora de que a AGE substitúa a administración autonómica, non, agora hai que apoiar a administración autonómica con recursos e apoio técnico. Iso é o único que nos debería preocupar a todos e reflexionar sobre como mellorar a repartición de competencias en situacións tan extremas de protección civil. Xa haberá tempo".

O Goberno aprobará a declaración de zona gravemente afectada para os lugares golpeados

O martes o executivo aprobará a declaración de zona gravemente afectada para os lugares de Valencia, Castela-A Mancha, Andalucía, Aragón e Cataluña que se viron máis golpeados pola dina.

Crea unha comisión interministerial para impulsar a reconstrución e o relanzamento económico destas zonas. Desde Facenda, autorizarase ao Goberno da Comunidade Valenciana a realizar todos os gastos de urxencia que necesite. 100 prazas de funcionarios interinos incorporaranse á Delegación do Goberno na Comunidade Valenciana para axilizar a tramitación das axudas.

"Estamos en comunicación coa Comisión Europea e trámites do Fondo Europeo de Solidariedade e outros recursos de apoio comunitario. Agradezo as inmensas mensaxes de solidariedade de todas as autoridades de fóra de España." "Nós axudamos aos nosos irmáns europeos cando nos necesitan e agora eles axudarannos a nós", engadiu.

Sánchez informa de que se levantaron 211 cadáveres 

"Comparezo para dar conta das accións do Goberno para axudar aos concellos e comunidades autónomas a xestionar esta traxedia.

E sabendo que neste preciso instante aínda hai decenas de persoas esperando aos seus seres queridos e chorando ás persoas que perderon a vida, asegúrolles que o Goberno de España e todo o Estado, en todos os seus niveis administrativos, está con todos eles e todas elas.

O Goberno vai mobilizar todos os recursos necesarios e todo o tempo que faga falta para axudalos". Pedro Sánchez detallou que o Estado colaborou co levantamento de 211 cadáveres.

Forzas de seguridade

"Imos duplicar os efectivos de Garda Civil e Policía para garantir a seguridade nas rúas, xa que dixo Sánchez a seguinte prioridade despois de acometer o desastre é garantir a seguridade nas rúas con 10.000 efectivos adicionais da Garda Civil e de Policía Nacional". 

Asegura o presidente do Goberno que España é un dos países máis seguros do mundo e somos solidarios e responsables.

"Desgraciadamente, algunhas persoas están a aproveitar a ocasión para saquear, e as forzas de seguridade xa arrestaron a 82 persoas e van seguir patrullando as rúas para garantir a orde e a lei”.

O Goberno dará toda a axuda que se pida desde Valencia

“A Comunidade Valenciana require máis efectivos, maquinaria, financiamento. O que ten que facer é pedilo e forneceráselle inmediatamente, como fixemos cos 5.000 militares solicitados hai un minuto.

As autoridades valencianas coñecen o terreo mellor que ninguén, saben o que hai que facer, e se non teñen recursos suficientes, que os pidan. Esa forma combina a capilaridade das administracións locais co poder colectivo do Goberno central, permitiu ao noso país superar numerosos desastres naturais e vaino a volver facer de novo”.

Sánchez anunciou tamén que nas últimas 48 horas despregáronse “máis de 2.500 efectivos militares, 1.800 policías e 2.700 gardas civís”.

Mellora en infraestruturas

Sánchez detallou os traballos en infraestruturas. “Restableceuse a alta velocidade entre Barcelona e Valencia, as liñas de proximidade C5 e C6 e o tráfico ferroviario de mercadorías con Aragón e Cataluña, esencial para garantir a chegada de subministracións.

Comezou a reparación nos túneles ferroviarios de alta velocidade de Chiva e Torrent e das liñas C1 e C2 de proximidade, que esperamos terminar esta fin de semana".

Tamén, destináronse brigadas forestais para limpar as zonas afectadas e reparar as infraestruturas hídricas danadas, contarán con 300 efectivos esta fin de semana.

"Para facilitar a chegada de alimentos, unha das principais preocupacións, e bens de primeira necesidade, levantáronse as restricións de descanso de transportistas". O presidente do Goberno engadiu que se puxeron ao dispor da Generalitat cinco plantas potabilizadoras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade