Sabina anuncia por sorpresa novo disco para o Nadal e xira por América Latina e España
Sabina anuncia por sorpresa novo disco para o Nadal e xira por América Latina e España
O cineasta León de Aranoa acompaña o cantante ao longo de 13 anos no documental "Sintiéndolo mucho", presentado no festival de San Sebastián
Afastado dos escenarios desde a caída que sufriu no Wizink de Madrid en 2020, Joaquín Sabina anunciou este sábado en San Sebastián un novo disco producido por Leiva e unha xira a partir de febreiro por América e España.
"Eu non vou de xira se non teño cancións novas", dixo Sabina na rolda de prensa de presentación de Sintiéndolo mucho, o documental sobre a súa figura que rodou Fernando León de Aranoa e que esta noite terá a súa preestrea mundial na sección Velódromo do Festival de Cinema de San Sebastián.
Tras o éxito de Lo niego todo (2017), o seu primeiro disco con Leiva como produtor, o músico de Úbeda (Xaén) de 73 anos confirmou que "haberá outro" e que espera que se publique no Nadal. En canto á xira soamente avanzou que arrincará a finais de febreiro en América Latina, que incluirá a Arxentina e que logo virá a España e outra vez a América. "Estamos a asinar concertos", sinalou.
O documental, aínda sen data para os cines, recolle momentos compartidos entre o cineasta e o cantante durante trece anos, desde o último concerto en Madrid con Serrat a reunións de amigos no seu piso madrileño, unha xira por México ou unha homenaxe recibida en Úbeda, onde naceu.
Sabina di ter depositada toda a súa confianza en León de Aranoa para facer o documental.
"Deille a chave para que entrase, dito en castelán, que me collese cagando, e así o fixo. Non é unha haxiografía a maior gloria dun artista, senón un anaco de vida dun cantante, sen máis".
Confesouse Sabina un "fatal" espectador de si mesmo. "Son máis pudoroso do que di a miña caricatura; a miña muller, que non é nada dada ás gabanzas, fundamentalmente á miña, díxome nada máis velo que Fernando me sacara a alma".