Un home do Valadouro saca o carné de conducir aos 80 anos
Un home do Valadouro saca o carné de conducir aos 80 anos
Aprobou o práctico á segunda e o teórico á primeira
Di que se algún día non conduce ben, volverá a moverse en autobús ou en taxi
José Antonio veu vivir ao Valadouro no 2016. Hai tres anos morreulle a súa muller e ata daquela nunca botara en falta a autonomía que lle daría conducir o seu propio vehículo, porque aquí dependía totalmente do coche de liña ou dun taxi, co cal pensou en preparar o carné de conducir.
Meu dito, meu feito.
Convídanos a un café e cóntanos que empezou coa teórica nunha autoescola de Foz, e para o seu profesor, José Soto, non ten máis ca palabras de eloxio. Despois de aprobar a teórica á primeira, veu a proba práctica e, finalmente, sacou o carné en febreiro.
Ao pouco xa mercou un coche que tivo que pagar todo xunto porque non lle deron crédito pola idade.
Agora vai todo contento nel, pero só cando a distancia supera os oito quilómetros, senón prefire camiñar.
O que peor leva é cando outros condutores non respectan o código de circulación.
O coche para José Antonio é sinónimo de liberdade e, tamén, de responsabilidade, polo que asegura que, se algún día non conduce ben, volverá a moverse en autobús ou en taxi.