Localizan a cinco millas de Fisterra o cadáver do tripulante do veleiro atopado á deriva na Costa da Morte
Localizan a cinco millas de Fisterra o cadáver do tripulante do veleiro atopado á deriva na Costa da Morte
Localizan a cinco millas de Fisterra o cadáver do tripulante do veleiro atopado á deriva na Costa da Morte
O barco participaba nunha regata entre Francia e Martinica. A organización deu aviso ao non poder contactar co seu tripulante.
Os efectivos que participan na busca deron co veleiro na mañá deste mércores, pero sen ninguén a bordo
O corpo sen vida do tripulante do veleiro atopado á deriva na Costa da Morte foi localizado a cinco millas de Cabo Fisterra na mañá deste martes, horas despois da alerta recibida polos organizadores dunha regata entre Francia e Martinica en que participaba a embarcación.
O cadáver foi localizado ao suroeste de Cabo Fisterra polo helicóptero Pesca 1 de Gardacostas de Galicia, segundo trasladou Salvamento Marítimo, encargados desde a central de Fisterra da coordinación do operativo desenvolvido ao longo da mañá deste mércores.
Unha vez recuperado da auga, o corpo do regatista foi trasladado pola aeronave ao aeroporto de Vigo, onde agardaba a Policía Nacional.
O centro de coordinación de Salvamento de Fisterra recibiu o aviso ás 8:00 horas deste mércores por parte do coordinador da regata ante a falta de noticias sobre un veleiro participante, con cuxo tripulante non podían contactar e aparecía nos sistemas cun rumbo e unha velocidade reducida.
Salvamento mobilizou o buque Don Inda, o helicóptero Helimer 401 e o avión Sasemar 102, mentres que Gardacostas de Galicia tamén activou o helicóptero Pesca 1 para tratar de dar co paradoiro da embarcación.
O veleiro foi localizado ás 9:19 horas sen ninguén a bordo, co motor aceso e a cana do veleiro rota. O Don Inda encargouse do seu remolque ata o porto de Cee, mentres que o resto de efectivos de Salvamento e Gardacostas peitean a zona para tratar de atopar o tripulante desaparecido.
A análise do track do veleiro, participante na regata Sailing Race Cap Martinique entre A Trinité-sur-Mer (Francia) con destino Fort-de-France (Martinica), evidencia que o barco realizou unha manobra estraña, polo que as hipóteses apuntan a unha caída accidental do seu tripulante ao mar nunha zona que este mércores estaba en aviso amarelo por forte vento de compoñente nordeste.