Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno amplía a bonificación de 20 céntimos de cada litro de combustible a todos os condutores

O Goberno amplía a bonificación de 20 céntimos de cada litro de combustible a todos os condutores

Pedro Sánchez avanzou un plan de choque de 6.000 millóns en axudas directas e rebaixas de impostos a familias e empresas

O Goberno limitará a suba dos alugueiros ao 2 % e aumentará un 15 % a contía do ingreso mínimo vital

G24.gal 28/03/2022 10:27

O Goberno anunciou este luns que se bonificará cun mínimo de 20 céntimos a compra de cada litro de combustible tanto a particulares como a profesionais, dos que achegará 15 céntimos  o Estado e o resto as petroleiras.

A medida tómase como resposta á forte subida do prezo dos carburantes e estará en vigor ata o 30 de xuño, segundo destacou o presidente do Executivo Pedro Sánchez durante a súa intervención nun foro organizado por Europa Press e McKinsey & Company en Madrid.

Sánchez precisou que na parte correspondente ás petroleiras establécese un mínimo de 5 céntimos, pero a cantidade pode ser superior, e neste sentido lembrou que algunhas operadoras xa están a aplicar "rebaixas superiores". "Agradezo o seu compromiso co país", dixo. 

O mandatario sinalou a fixación dun tope para o prezo do gas que se usa para xeración eléctrica; a contía non a detallou e avanzou unha actualización do sistema de retribución para as renovables, coxeración e residuos, o denominado Recore, que supoñerá unha rebaixa de cargos do sistema de 1.800 millóns. Tamén se estenderá ata o 30 de xuño o mecanismo para reducir o "exceso de beneficios" no mercado eléctrico.

Doutra banda, o presidente do Goberno anunciou que se vai limitar a suba dos alugueiros ao 2 % e que aumentará un 15 % a contía do ingreso mínimo vital (IMV).

Sánchez tamén explicou que se vai a estender o bono eléctrico social a outras 600.000 familias, co que chegará a case dous millóns de fogares. 

O presidente do Goberno avanzou un plan de choque contra as consecuencias económicas da guerra de Ucraína por 16.000 millóns de euros, 6.000 millóns en axudas directas e rebaixas de impostos e 10.000 millóns máis en créditos ICO. "Ímonos desvivir por distribuír o esforzo de forma equilibrada", subliñou Sánchez. 

Sánchez chamou a todos os actores políticos, institucionais e sociais a unírense ante o plan de choque de resposta ao impacto económico e social da guerra en Ucraína e pediulles "compartir o sentido do mellor patriotismo", que, segundo dixo, é "comprometer" a España nunha "causa xusta e saír adiante con orgullo".

Admitiu que as dificultades son extraordinarias pero os valores europeos son a "única senda de prosperidade posible". "O que está en xogo –dixo– é o noso modo de vida, a Unión Europa e o respecto á lei nacional e internacional, á democracia e ao Estado de dereito que representan as democracias europeas".

O plan conta co aval do socio de Goberno, con quen negociou o plan ata o último momento. "Non temos que despedir a ninguén. Temos que ir ao mecanismo ERTE", explicaba a vicepresidenta segunda Yolanda Díaz, quen confía en contar co apoio do resto de partidos. "É moi difícil dicirlle que non a un plan destas características", concluía.

No PP agardan coñecer en detalle o plan do Executivo para marcar a súa postura sobre estas medidas. "Soubémolo máis polos medios que polo Goberno", criticaba Alberto Núñez Feijóo.

"Da información que temos non vemos o compromiso da baixada de impostos que pactamos na Palma", dicía o presidente da Xunta referíndose ao acordo alcanzado na Conferencia de Presidentes. Aínda así, nas filas populares están abertos ao diálogo co Goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar