Sánchez comparecerá no Congreso polo caso Pegasus
Sánchez comparecerá no Congreso polo caso Pegasus
A oposición forza a comparecencia do presidente
PP, VOX e Ciudadanos votan co PSOE para evitar a comisión de investigación
A comisión de investigación sobre a espionaxe era unha petición de todos os grupos minoritarios e tamén de Unidas Podemos.
"Chegou o momento de que se asuman responsabilidades políticas motu proprio", dixo o voceiro de Podemos, Pablo Echenique.
"Non queremos algunhas cabezas, querémolas todas" engadiu Míriam Nogueras, de Junts per Catalunya .
O peneuvista Aitor Esteban argumentaba: "Non vexo caso máis adecuado que este para unha comisión de investigación".
Pero o PSOE logrou impedila, co apoio de PP e VOX. Os socialistas cren que de momento abonda coa comisión de segredos oficiais.
"Entendemos que as liñas que se abriron son dabondo", explicaba o socialista Héctor Gómez, do PSOE.
Os populares apoiaron o Goberno neste asunto, pero votaron co resto de grupos, agás Unidas Podemos, para forzar a comparecencia do presidente. "Ante a máxima gravidade, máximas explicacións", dicía a número dous do PP Cuca Gamarra.
Esquerra insiste en que estamos ante un escándalo que pode acabar co Goberno.
"Isto non só pode esnaquizar a lexislatura. Pode acabar coa democracia neste país", dixo Gabriel Rufián.
O executivo desmentiu as informacións que sitúan a exministra de Exteriores Arancha González Laya entre os espiados.
O ministro de Presidencia Félix Bolaños asegurou: "O resto de informacións que están aparecendo non nos constan".
A directora do CNI dará explicacións este xoves no Congreso. O Goberno insiste en que, nestes momentos, tanto ela como a ministra de Defensa contan coa confianza do presidente, aínda que tamén advirten que non chegou a hora de depurar responsabilidades.
"Cada momento ten o seu afán", zanxaba a voceira do Goberno Isabel Rodríguez.
A Audiencia Nacional abre dilixencias
As dúas infiltracións detectadas no teléfono móbil de Pedro Sánchez producíronse o 19 e o 31 de maio do ano pasado.
O dato consta no escrito do xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama. O maxistrado abriu dilixencias este martes por un posible delito de descubrimento e revelación de segredos.
As datas da intrusión no móbil do presidente coinciden coa crise migratoria con Marrocos e co desencontro diplomático pola entrada en España do líder da Fronte Polisario Brahim Gali.