Sánchez e Feijóo convencidos de gañar o "plebiscito" do domingo
Sánchez e Feijóo convencidos de gañar o "plebiscito" do domingo
PSOE e PP agardan que o caso Begoña Gómez lles permita mobilizar aos seus e poder facerse coa vitoria
Na esquerda alternativa, cruenta batalla entre Sumar e Podemos
Apáganse os focos das europeas. Atrás quedan 15 días onde se falou pouco de Europa e moito de España. Aquí, a cita do domingo preséntase como un novo plebiscito entre Pedro Sánchez e Feijóo. Foi unha campaña marcada polo caso de Begoña Gómez. Populares e socialistas libraron unha dura batalla polo relato. E tanto uns coma outros agardan recoller o froito o domingo. Os socialistas confían noutra remonta.
"Imos gañar, chéirase a remonta", insiste unha e outra vez a cabeza de lista do PSOE, Teresa Ribera. E tiran do emocional para mobilizar os seus electores. Pedro Sánchez mantén o discurso e insiste: "A miña familia e a min atácannos por defender o que defendemos desde o Goberno de España".
En fronte, Feijóo e o Partido Popular, que convencidos de gañar, pero non queren confianza. A súa candidata, Dolors Monserrat, pedíalle desde Barcelona ao electorado popular que non agarden ás eleccións xerais para "facer o que podemos facer este domingo". E advirte : "Sánchez quérenos desmotivados e divididos". Feijóo cre que chegou o momento de poñer a Sánchez fronte á realidade.
O líder do PP di que non entende como puido caer nesta situación o PSOE, de chegar a presumir "da corrupción ata levala aos mitins e aplaudirlle". Alusión velada á presenza da muller do presidente do Goberno nun acto de partido en Málaga este mércores. Era a primeira aparición pública de Begoña Gómez con Pedro Sánchez trala súa imputación por dous presuntos delitos, un de tráfico de influencias e outro de corrupción nos negocios.
Vox aspira a consolidar a terceira praza. O caladoiro de votos da esquerda alternativa vaise repartir entre Sumar e Podemos. Os de Yolanda Díaz endurecen os ataques ao PSOE para intentar amarrar o cuarto eurodeputado e evitar unha crise con Izquierda Unida. A batalla de Podemos é unha loita pola supervivencia. Os morados ven no domingo unha oportunidade para volver poñerse de pé.