Sánchez insta os partidos a convalidar o decreto que reforma as pensións
Sánchez insta os partidos a convalidar o decreto que reforma as pensións
O Goberno negocia con Bruxelas unha extensión da excepción ibérica ata final de ano
A próxima semana, España recibirá un novo desembolso de fondos europeos
Pedro Sánchez acudiu hoxe a Bruxelas con varias demandas na carteira, como a reforma do mercado eléctrico e a extensión da chamada excepción ibérica ata o 31 de decembro.
Falarase moito neste cumio de presidentes da UE da crise económica e financeira que ameaza Europa. Precisamente, a semana que vén, o noso país recibirá un novo desembolso de fondos europeos. Segundo o xefe do executivo, "España volve situarse á vangarda no que é o desempeño destes fondos europeos".
Visión contraria ten o líder da oposición, que tamén se encontra na capital de Bélxica, participando nun encontro do Partido Popular Europeo. Para Alberto Núñez Feijóo, "os fondos europeos en España non se están xestionando con eficacia".
A chegada deses fondos depende dunha serie de reformas, entre elas, a das pensións. Pedro Sánchez fai un chamamento aos partidos para que, o próximo xoves, validen no Congreso o decreto lei. "Creo que é, non só un deber, senón unha obriga de todos os partidos que agora mesmo se posicionan no non, en revisar esa posición política", dixo o presidente nunha comparecencia ante os medios.
Pero o PP non está polo labor de apoiar a reforma porque, segundo Alberto Núñez Feijóo, "rompeuse o consenso e non se contou coa oposición". Para o líder popular, trátase dun "parche" do Goberno "para chegar á cita electoral".