Montero ve machismo "na aplicación errónea" da lei do "só si é si" para baixar penas
Montero ve machismo "na aplicación errónea" da lei do "só si é si" para baixar penas
Sánchez pide esperar a que a xustiza unifique doutrina respecto á lei do "só si é si"
Primeiras rebaixas de condenas ao aplicar a nova Lei de liberdade sexual
A ministra de Igualdade, Irene Montero, asegurou este mércores que a rebaixa nas penas a algúns condenados por delitos sexuais tras as aprobación da lei do "só si é si" débese a que hai xuíces que "non están a cumprir a lei" por "machismo", e avogou por reforzar a formación en igualdade no sistema xudicial.
A nova tipificación dos delitos sexuais que introduciu a lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como lei do "só si é si", supuxo que algúns tribunais revisasen á baixa sentenzas dalgúns condenados.
"O problema que temos é que hai xuíces que están a incumprir a lei", asegurou Montero, que detallou que as Nacións Unidas, a través do Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller (CEDAW), xa alertou desta situación e advertiu de que "os estereotipos e o machismo poden comprometer a imparcialidade e a integridade dos sistemas de xustiza e que haxa xuíces que apliquen erroneamente a lei ou que a apliquen de forma defectuosa".
Ademais de reforzar a formación en igualdade, Montero tamén dixo, na liña do expresado polo presidente do Goberno, que confían en que a unificación de doutrina na xustiza en canto a aplicación da lei acabe con interpretacións como as que motivaron a rebaixa das penas. Descártase, polo tanto e polo momento, a reforma da lei.
Sánchez pide agardar a que haxa unificación de criterios na xustiza
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, expresou este mércores a súa plena confianza na xustiza e na súa "sensibilidade" fronte aos delitos de sexuais e avogou por esperar a que os tribunais unifiquen doutrina antes de tomar calquera decisión sobre a lei do "si é si".
"Imos ver o que din os tribunais e esperar a que unifiquen doutrina, e despois teremos que ver que pasos dar", manifestou Sánchez nunha conferencia de prensa tras o cumio do G20 en Bali.
Sánchez quixo lembrar que a vontade do Goberno e do Parlamento foi sempre reforzar a seguridade das mulleres e que calquera delito sexual fose considerado agresión sexual, con penas agravadas, e non ao contrario.
Unha lei que, ao seu xuízo, é unha "gran conquista do movemento feminista" do país e unha "lei de vangarda".
Alegría: "É momento de revisar a lei"
A ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, manifestou que é o momento de estudar e valorar desde o punto de vista legal a lei do só si é si e avaliar "de maneira sosegada" as posibles modificacións da norma, cuxo principal obxectivo é a protección integral das vítimas.
A ministra afirmou que, ao ser coñecedores das últimas sentenzas, hai que abordar a lei desde o punto de vista xurídico e se se debe facer algún cambio para evitar que isto se produza e lograr un maior apoio e unha protección "clara e rotunda" ás vítimas, haberá que facelo.
PP busca que o Senado mandate o Goberno para cambiar xa a lei
O PP presentou unha iniciativa no Senado coa que pretende que o pleno da Cámara Alta mandate o Goberno para que acometa a "inmediata revisión, pola vía de urxencia" da lei do só si é si a fin de que os autores de delitos sexuais poidan ter "canto antes" as mesmas penas vixentes ata a entrada en vigor desta norma.
A moción foi anunciada polo portavoz do PP no Senado, Javier Maroto.