Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanidade aproba as vacinas contra a varíola do mono e as de reforzo da covid-19

Sanidade aproba as vacinas contra a varíola do mono e as de reforzo da covid-19

A vacina contra a varíola do mono administrarase postexposición a persoas con alto risco de gravidade ou exposición

A segunda dose de recordo contra a covid–19 recibirana os maiores de 80 anos e vulnerables

G24.gal 09/06/2022 19:55

A Comisión de Saúde Pública aprobou a vacinación contra a varíola do mono, que prioriza a administración postexposición para persoas con alto risco de gravidade ou de exposición. Tamén deu luz verde á segunda dose de recordo para maiores de 80 anos e vulnerables contra a covid–19.

Nun comunicado, o Ministerio de Sanidade explica que, debido á limitada dispoñibilidade de dose da vacina da varíola do mono —España recibiu ata o momento 200—, non se recomenda nestes momentos a vacinación de preexposición, aínda que podería suxerirse máis adiante en función da evolución do gromo e da dispoñibilidade de vacinas.

De momento, España, con 233 casos confirmados da varíola do mono, segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, recibiu as 200 vacinas que adquiriu, á marxe do contrato de compra centralizada a que se adheriu con outros países a través da Hera, a Autoridade Europea de Preparación e Resposta ante Emerxencias Sanitarias.

Na reunión deste xoves, os técnicos de Sanidade e das comunidades autónomas acordaron a administración dunha segunda dose de recordo contra a covid–19 na poboación máis vulnerable, sobre todo, en persoas internas de residencias e de 80 e máis anos.

Esta vacina "deberá establecerse no momento máis apropiado segundo a situación epidemiolóxica", indica o comunicado de Sanidade, que recomenda seguir valorando regularmente a evolución da covid–19 na citada poboación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos