Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanidade avalía dar doses máis pequenas da vacina contra a varíola do mono

Sanidade avalía dar doses máis pequenas da vacina contra a varíola do mono

A administración sería por vía subcutánea

G24.gal 10/08/2022 18:58

España, que acaba de recibir outras 7.110 vacinas contra a varíola do mono, pediu á Axencia Europea do Medicamento que avalíe "canto antes" se se poden administrar en porcións máis pequenas por vía intradérmica para aumentar así a capacidade de vacinación.

A Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (Aemps) fixo esta petición despois de que onte a Axencia reguladora estadounidense, a FDA, decidise autorizar o uso de emerxencia de Jynneos.

Esta vacina inocúlase por vía subcutánea, pero Estados Unidos tomou a decisión de implantar un novo método que quintuplicará a cantidade de vacinas dispoñibles no país: administrar por vía intradérmica dúas doses do medicamento que, xuntas, utilizan tan só un quinto da cantidade total de composto que normalmente se usa.

A vía tradicional de inoculación, a subcutánea, seguirase utilizando para menores.

As autoridades estadounidenses baseáronse nun estudo de 2015 que apuntou que a administración intradérmica de menos cantidade da vacina provocaría unha resposta inmune similar á dose completa por vía subcutánea, o cal levaría a un aumento da capacidade de vacinación nun momento de escaseza de doses.

Nun contexto de escaseza de vacinas, e con máis de 12.000 casos diagnosticados en toda Europa, a Aemps xa pediu á EMA que realice unha análise que permita emitir unha administración harmonizada para todos os estados membros.

Desde hoxe, España conta xa cun total de 12.420 vacinas para tratar de atallar o brote que estalou a principios de maio en países non endémicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade