Sanidade convoca este mes o concurso das 413 prazas médicas de difícil cobertura
Sanidade convoca este mes o concurso das 413 prazas médicas de difícil cobertura
O conselleiro de Sanidade avanza que axiña se activará o pagamento de horas extra cando médicos de primaria superen 40 citas diarias durante 5 xornadas consecutivas
"Investiremos os cartos necesarios para que todos os galegos teñan un médico de referencia", comprometeu
García Comesaña respecta a manifestación de SOS Sanidade Pública pero critica o PSdeG e o BNG por utilizar politicamente a sanidade
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anuncia na Radio Galega que neste mes de febreiro convocarán o concurso de méritos para que se poidan cubrir con médicos 413 prazas de difícil cobertura, unha das medidas aprobadas pola Xunta para mellorar a situación na atención primaria.
"Imos esperar ata o vindeiro venres por se hai algunha alegación dos representantes dos traballadores con algunha praza e pecharemos o mapa de prazas para publicar. A nosa idea é que a convocatoria quede feita neste mes de febreiro".
Julio García Comesaña avanzou tamén no Galicia por diante fin de semana que nas próximas semanas se activará o pagamento de horas extra cando os médicos de primaria superen 40 citas diarias durante 5 xornadas consecutivas. Unha medida que describiu como a de "maior novidade" das avanzadas. Explicou que este tipo de ampliación se podería dar "despois dun período de baixa dun facultativo, antes dun período de permiso, por exemplo, antes de irse de vacacións que precise deixar pacientes con receitas renovadas. Neses casos imos permitir que o propio médico poida ampliar xornada pola tarde e tela retribuída". Indicou que a idea é que tras presentar a medida á mesa sectorial agardarán ata o venres que vén por se hai algunha alegación para logo, tras analizalas, poñer a medida en marcha "o máis axiña posible". Unha inmediatez que tamén queren ter coa apertura da listaxe de voluntarios para cubrir gardas nos puntos de atención continuada, os PAC. Detallou que "a partir de agora hai un procedemento para que os médicos se apunten nesa lista e en canto teñamos os medios necesarios para poñela en marcha e que funcione será inmediato".
En todo caso, o conselleiro insistiu en que a Xunta non vai escatimar cartos neste aspecto. "Estas medidas que poñemos en marcha agora en función da súa aceptación e de cantos profesionais se apunten non vai haber ningún problema económico. Investiremos os cartos necesarios para que todos os galegos e todas as galegas teñan un médico de referencia. Gustaríanos que fose sempre o mesmo pero mentres non teñamos ferramentas para formar máis médicos e non nos deixen formar máis médicos teremos que recorrer a estas solucións. O ano pasado eses 15 millóns e este ano o que sexa preciso", sentenciou.
"Investiremos os cartos necesarios para que todos os galegos e todas as galegas teñan un médico de referencia".
Respecto á petición de ampliar o número de prazas MIR para medicina de familia, García Comesaña cifrou en 50 o número necesario que lle piden ao Ministerio para Galicia. "Nós con 50 prazas de medicina de familia e comunitaria durante catro anos teriamos ben encarreirado o problema", detallou, ao tempo que cualificou de "mala fe" a actitude do Ministerio de Sanidade de non atender ningunha das peticións que nesta liña lle fan dende as comunidades autónomas.
Respecto á manifestación convocada hoxe domingo 12 de febreiro en Santiago pola plataforma SOS Sanidade Pública e apoiada polo PSdeG e o BNG, García Comesaña expresou o seu "respecto aos cidadáns". Asegura que a Xunta sabe que hai que seguir mellorando e engade que niso se está esforzando. Por iso lles afea aos socialistas e os nacionalistas que non recoñezan o esforzo que está facendo a Administración autonómica e do investimento destinado á atención primaria e á sanidade no seu conxunto. "Falar de desmantelamento, falar de privatización, eu creo que son argumentos que serven para convocar as persoas -insisto, máximo respecto para os que se manifestan-, pero dende logo nós temos seguir insistindo no día a día nesa manifestación que a Xunta fai todos os días en todos os foros e onde nunca encontramos ao noso lado o PSOE e o Bloque", explicou.
"Eu mesmo, se hoxe na manifestación se lle pedisen responsabilidades ao Goberno central e se lle pedisen máis médicos MIR ao mellor ata estaba eu"