Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanidade propón eliminar o uso de máscaras en interiores tras Semana Santa

Sanidade propón eliminar o uso de máscaras en interiores tras Semana Santa

A partir do 20 de abril só seguirá sendo obrigatoria en centros sanitarios e sociosanitarios e no transporte

G24.gal 06/04/2022 13:28

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, propuxo este mércores ás comunidades flexibilizar o uso das máscaras en interiores a partir do próximo 20 de abril, pasadas as festas de Semana Santa, aínda que seguirá sendo obrigatoria nalgúns ámbitos, como centros sanitarios e sociosanitarios e no transporte.

Segundo explicou a ministra, o Consello de Ministros aprobará o 19 de abril unha nova normativa sobre as máscaras en espazos cerrados

A previsión é que a nova regulación se publique no Boletín Oficial do Estado (BOE) o 20 de abril e que entre en vigor no mesmo momento da súa publicación. Así, aínda que haxa lugares nos que se manteña o uso da máscara, deixará de ser necesario entrar con ela posta en locais de hostalería, comercios ou nos centros educativos.

Varias comunidades autónomas xa solicitaran nas últimas datas que se acelerase o proceso para deixar de empregar o cubrebocas nos espazos interiores, e logo de que varios países do ámbito europeo xa retiraran a súa obrigatoriedade nas últimas semanas.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicaba sobre esta decisión que "as comunidades autónomas, cun gran consenso, démoslle o visto e prace, o que significa que o 19 de abril se daría ese paso".

Chega o momento da retirada

Da escaseza dos momentos iniciais da pandemia, ata o seu uso xeneralizado como elemento indispensable da vida social e laboral. E agora chega o momento do toque de retirada. 

Na reunión cos Conselleiros de Sanidade a Ministra puxo data á fin da máscara en interiores. Será o 20 de abril, o mércores despois de semana santa. "Apoiarse nos informes técnicos e nun contexto de prudencia e de deixar pasar estas semanas de máis interacción", explicaba Comesaña.

Os expertos que consideran o momento aluden ao control da transmisión da enfermidade para xustificar a decisión. "A situación xa permite retirar a máscara en interiores. A transmisión está diminuíndo, a sobrecarga hospitalaria tamén está baixando. Agora o que van influír son os medos, pero, en fin, é quitar a obrigatoriedade non a voluntariedade. A persoa que aínda teña medos pode seguir utilizándoa", di Juan Gestal, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública. 

Hai consenso en mantela en ámbitos como o sanitario, as residencias de maiores ou o transporte público. E en levala no peto e usala en contextos de aglomeración.

"Eventos deportivos, musicais, relixiosos agora en Semana Santa, manifestacións sociais e políticas ou reunións na cidade ou vila debido a algún tipo de festa. Nestes contextos, sobre todo as persoas vulnerables, deberían mantela", afirma Alfredo Corell, inmunólogo.

Carolina Darias afirmou esta tarde que todos os indicadores permiten a retirada da obrigatoriedade do uso da máscara e incidiu especialmente no "importante" descenso da letalidade das persoas contaxiadas. 

Tamén destacou que o real decreto recollerá "o que é obrigatorio", pero en todo caso será unha elección individual o seu uso nos ámbitos en que a máscara pasa a non ser necesaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade