Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanidade reforza a vixilancia contra o sarampelo tras a repunta noutros países

Sanidade reforza a vixilancia contra o sarampelo tras a repunta noutros países

A Dirección Xeral de Saúde Pública decidiu enviar este verán un SMS ás familias de menores que teñen doses pendentes da vacina

Tamén fai un chamamento á poboación adulta que non estea protexida, sobre todo ao persoal braceiro e sanitario

 

G24.gal 21/07/2024 11:36 Última actualización 21/07/2024 12:20

A Consellería de Sanidade reforzou a vixilancia contra o sarampelo despois de detectar que as repuntas noutros países, onde a vacinación está menos xeneralizada, están a chegar a outras partes do Estado.

En Galicia, non se detectaban casos desde 2020 e este ano localizáronse dous, concretamente na área de Lugo: un importado e un segundo que se contaxiou do primeiro.

A xefa do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles de Sanidade, Susana Mirás, fai un chamamento á calma, pero subliña que o sarampelo é unha "enfermidade a eliminar" polo que se reforzaron as medidas de prevención fronte a ela.

Segundo explica, non entraña gravidade, pero pode "ter complicacións" con infección de oído, vista, gastrointestinal ou pneumonía. 

A Dirección Xeral de Saúde Pública decidiu enviar este verán un SMS ás familias de menores que teñen doses pendentes da vacina tras constatar unha baixada na protección.

Despois de anos cunha cobertura próxima ao 95 % que marca a Organización Mundial da Saúde, baixou ao 92,9 % entre a poboación nada no 2019 e ao 89,9 % na do 2020.

"Vacina histórica"

Trátase dunha "vacina histórica" das incluídas no calendario infantil, xa desde 1981, e que consiste en dúas únicas doses: unha primeira con 12 meses e unha segunda, ao cumprir os 3 anos.

Máis aló de recibir a mensaxe, que é informativa, as familias que o desexen terán que pedir cita como é habitual, a través da Enfermería de Atención Primaria.

Chamamento a persoas adultas

En calquera caso, Mirás insta "tamén a persoas adultas" que non estean debidamente protexidas contra o sarampelo a vacinarse, especialmente as nadas despois de 1968, porque as anteriores contan con niveis de anticorpos "moi altos" ao considerarse que xa padeceron a infección.

Así mesmo, a responsable do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles fai un especial chamamento ás persoas do sector sanitario, braceiros ou turistas que vaian a países con menor taxa de vacinación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade