Sanidade pediralle ás autonomías o uso obrigatorio da máscara mentres dure o pico da pandemia
Sanidade pediralle ás autonomías o uso obrigatorio da máscara mentres dure o pico da pandemia
O Ministerio de Sanidade reunirase coas autonomías este luns, co obxectivo de "unificar criterios"
Cataluña, Valencia, e Murcia xa impuxeron o uso obrigatorio da máscara en centros sanitarios
Esta semana os contaxios por gripe presentan unha incidencia de 438,4 casos por cada 100.000 habitantes
A alta incidencia de contaxios de gripe obriga ás comunidades autónomas a tomar medidas para abordar a situación: a Comunidade Valenciana e Cataluña xa establecen o uso obrigatorio da máscara nos centros sanitarios.
Pola súa parte, a Consellería de Sanidade da Generalitat Valenciana decreta o uso obrigatorio da máscara dende este mesmo venres nos centros sanitarios e sociosanitarios da Comunidade Valenciana.
Esta obrigatoriedade establécese para persoas sintomáticas cando estean en espazos compartidos, profesionais que atenden casos sintomáticos e persoas que traballan en unidades de coidados intensivos (UCI) e unidades con pacientes vulnerables.
Tamén é obrigatorio o seu uso nas urxencias hospitalarias ou de atención primaria e nos lugares onde se concentran pacientes e familiares, como salas de espera de atención primaria e de consultas hospitalarias, entre outros espazos.
No caso de Cataluña, o conselleiro de Saúde, Manel Balcells, comunica a medida a través da súa conta de X (antes Twitter):
"O aumento dos virus respiratorios levounos a decidir que en Cataluña a máscara é obrigatoria nos centros de saúde. Agradezo o traballo dos profesionais neste momento de incidencia do virus da gripe e das afeccións respiratorias".
Non precisa cando entrará en vigor a medida.
Sanidade recomenda o seu uso
Neste contexto, a Consellería de Sanidade recomenda o uso da máscara nos centros sanitarios galegos.
Por outra banda, a Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (SemFYC) reclama medidas máis estritas: o uso obrigatorio das máscaras nos hospitais e centros de saúde, a implantación de dispensadores de xeles hidroalcohólicos nos centros ou a determinación de espazos de separación, entre outras.
A reunión entre o Ministerio de Sanidade e as autonomías ten como obxectivo "unificar criterios"
Debido a disparidade de medidas establecidas polas comunidades autónomas, a ministra de Sanidade, Mónica García, convocou un Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) extraordinario para o vindeiro luns pola mañá, para acordar un criterio común.
A reunión prodúcese despois de que este mesmo xoves se soubera que os contaxios por gripe aumentaran un 75,7 % nunha semana en España. A incidencia pasou de ser de 249,4 casos por 100.000 habitantes a 438,3, segundo datos do Instituto de Saúde Carlos III.