Sanidade inicia a vacinación contra o virus do papiloma humano a varóns de 15 a 18 anos
Sanidade inicia a vacinación contra o virus do papiloma humano a varóns de 15 a 18 anos
Amplía a inmunización a todos os nados entre 2006 e 2009
Para desenvolver esta campaña no ano 2024, a Xunta investirá 682.267 euros
A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, inclúe desde este mércores no calendario de vacinación galego os nenos homes nados entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 31 de decembro de 2009 na protección fronte ao virus do papiloma humano (VPH) e así a Xunta ofrecerá a vacina a preto de 27.000 persoas.
Diso informou o departamento autonómico nun comunicado, no que explica que o procedemento para a vacinación será, por unha banda, a iniciativa dos propios nenos ou das súas familias, que poden solicitar cita de enfermería para vacinarse fronte ao VPH a través da aplicación Sergas Móbil ou no seu centro de saúde.
Por outra banda, de forma proactiva, a Dirección Xeral de Saúde Pública informou o persoal sanitario para que, a partir de agora, trasladen a oportunidade de vacinarse fronte a este virus ao atender a nenos nados entre 2006 e 2009.
"Imos ver aos catro, cinco meses de que se inicie esta campaña cales son as coberturas e no caso que teñamos unhas coberturas que precisen ser melloradas si que recorreremos a unha citación activa", explica Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública.
A outra novidade é que a pauta ordinaria de vacinación fronte ao VPH pasa, desde este mércores, a ser dunha única dose, fronte ás dúas que se debían poñer ata o de agora. A campaña non ten data de finalización e, por tanto, as familias poderán programar a cita segundo as súas necesidades.
Deste xeito, Galicia anticípase á recomendación da Comisión de Saúde Pública de implantar en 2025 a vacinación dos nenos menores de 15 a 18 anos co obxectivo de reducir a incidencia de cancros asociados a este virus de transmisión sexual e, ademais, obter unha protección cruzada nas nenas.
"Neste tempo aprendemos que este virus tamén está relacionado con outros cancros, cancros que tamén se dan nos varóns, estamos a falar do cancro de ano, de pene, por suposto, do cancro de cabeza de colo", describe Federico Martinón, responsable de Pediatría do CHUS.
En concreto, a vacinación posibilitaría reducir a incidencia en nenos de cancros orofarínxeos, anais e de pene causados polos tipos de VPH oncoxénicos contidos na vacina e de verrugas xenitais causadas polos tipos non oncoxénicos. En nenas, indirectamente, contribuirá a diminuír a aparición de lesións precancerosas e cancros de colo de últero, vulva e vaxina.
"Se se protexen eles protexemos as mulleres tamén de que teñan por exemplo un cancro de cérvix e dende logo un terceiro motivo moi importante para Galicia é un motivo poboacional. Queremos falar de que fomos quen de eliminar determinados cancros asociados co virus do papiloma humano", apunta Carmen Durán.
Grazas ao Programa galego de vacinación, desde o ano 2008 no caso das nenas e de 2022 en nenos, a Xunta ofrece a vacina fronte ao virus do papiloma humano cando se cumpren os 12 anos.
Actualmente, a porcentaxe de adherencia a esta vacina en nenas desde que se incluíu no seu calendario de vacinas está preto do 100 %, en nadas desde 2006 a 2010. No caso dos nenos, a cohorte de 2010 chega a unha cobertura próxima ao 93 %.