Zendal lanza a primeira vacina contra a enfermidade hemorráxica epizoótica
Zendal lanza a primeira vacina contra a enfermidade hemorráxica epizoótica
O grupo con sede no Porriño priorizará o mercado español perante a situación de emerxencia pola morte de vacas
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles nin ás persoas
O grupo Zendal lanza ao mercado a primeira vacina para previr o virus da enfermidade hemorráxica epizoótica, serotipo 8. Esta semana recibiu a autorización temporal de uso por parte da Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios que permite o seu uso na especie bovina.
O serotipo 8 do virus da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) foi diagnosticado por primeira vez no suroeste de España en novembro de 2022. Posteriormente, detectouse a difusión desta enfermidade que afecta especialmente os ruminantes en todo o territorio estatal -agás as Baleares e as Canarias-, incluída Galicia, onde se produciron decenas de mortes de vacas en varios focos.
O grupo biotecnolóxico con sede no Porriño (Pontevedra) priorizou o desenvolvemento desta nova vacina por petición do Ministerio de Agricultura ao tratarse dunha situación de emerxencia sanitaria.
Para logralo contou a colaboración da Axencia do Medicamento que "se mostrou sensible en todo momento á necesidade da gandería axilizando o máximo posible as autorizacións sen por iso reducir os requisitos indispensables para garantir a calidade, seguridade e eficacia da mesma".
Agora, Zendal priorizará o mercado español no seu plan de vendas desta vacina. Haberá unha primeira fase de produción de dous millóns de doses que serán comercializadas por Vetia Animal Health, filial dedicada á saúde animal.
A compañía subliña que nos últimos meses traballou de "maneira intensa" para chegar á obtención dunha vacina que puidese previr esta enfermidade. Esta vacina administrarase por vía subcutánea en dúas doses cun intervalo de tres semanas. A área de saúde animal do grupo Zendal conta con experiencia en desenvolvemento de vacinas para sanidade animal, tales como vacinas destinadas a paratuberculose do gando bovino, ovino e caprino; vacinas contra a brucelose en ruminantes ou fronte a E. coli en porcinos.
Zendal conta con tres centros de I+D e diversas plantas de produción biofarmacéutica nos seus laboratorios do Porriño, León, Barcelona e Paredes de Coura (Portugal).
A enfermidade hemorráxica epizoótica
A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides.
Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Por tanto, existe un período de posible afectación dos animais, aproximadamente de abril a decembro, e outro, nos meses de inverno, en que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles.
Esta doenza non afecta as persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (como a carne ou o leite) de animais afectados.