Corenta persoas voluntarias traballan para o avellentamento activo en Vilanova de Arousa
Corenta persoas voluntarias traballan para o avellentamento activo en Vilanova de Arousa
Participan nas actividades da asociación O Castro de Baión con maiores e con persoas con discapacidade funcional
O programa, de quince horas semanais, acolle con facetas diversas corenta usuarias e usuarios
Son usuarias e usuarios, en total 40, que cada tarde de luns a venres participan na Casa da Cultura de Baión, en Vilanova de Arousa, no programa de actividades que desenvolve a asociación o Castro.
Ademais de lectura teñen manualidades, pintura, cociña, xogos, ximnasia, risoterapia... Son tres horas diarias de actividade compartida e cunha educadora social á fronte. É Paula Pombo Gondar:
"Imos valorando as posibilidades de cada un e individualizando os proxectos. Estas persoas érguense da cama para vir aquí. Póñense guapas para vir aquí. É dicir, que están superencantados e levan unha andaina de seis anos coa asociación".
O voluntariado, integrado por unhas corenta persoas, realiza tamén aquí un labor esencial. "É un grupo de voluntariado moi forte e estable. Temos o premio Galicia de Voluntario. Polo tanto, esa é a base fundamental do funcionamento", sinala Pepe Sabarís Casal, presidente da Asociación Cultural Os Castros.
Pepe Carballo, canda a súa muller, é un dos corenta voluntarios e voluntarias. Leva sete anos cooperando mesmo de monitor no mantemento físico e di: "eu teño 75 anos e temos que adaptarnos a esta fase de idade avanzada ou de vellos, que aínda que pareza que queiran darnos outro nome, a realidade é que somos vellos e podemos presumir de que chegamos ata aquí".
O maior apoio económico recíbeno da Administración Autonómica e piden que se impliquen máis a municipal e a provincial nesta acción de voluntariado que ten entre os destinatarios 15 persoas con diversidade funcional.
"Ten que ser unha sinerxía de todos, porque nós estamos a traballar dun xeito colectivo e a sociedade (O Castro) estaos achegando á sociedade. Nós pedímoslles aos políticos que fagan a súa parte valorando o que nós valoramos", afirma Alicia Porto, coordinadora do grupo de voluntariado de persoas con diversidade funcional.
O labor do voluntariado da Asociación Cultural O Castro inclúe un convenio de cooperación co Sergas con visitas, entre outras accións, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.