Publicador de contidos
Publicador de contidos

Santi Mina, condenado a catro anos de cárcere por abusos sexuais

Santi Mina, condenado a catro anos de cárcere por abusos sexuais

O Celta aparta o futbolista dos adestramentos e ábrelle expediente

O excéltico David Goldar foi absolto da acusación de colaboración necesaria

G24.gal 04/05/2022 09:33 Última actualización 04/05/2022 15:01

O xogador do Celta de Vigo Santi Mina foi condenado a catro anos de cárcere e a unha indemnización de 50.000 euros ao considerar probado o tribunal da Audiencia provincial de Almería un delito sexual pero non de agresión sexual.

O tribunal presidido pola maxistrada Társila Martínez absolve a Mina do delito de agresión sexual polo que o fiscal pedía oito anos de prisión e a acusación particular, nove anos e medio de cárcere, condenándoo por un delito de abuso sexual.

O tribunal impón medidas de afastamento de 500 metros da vítima durante 12 anos e de liberdade vixiada. A defensa do dianteiro celeste recorrerá a sentenza.

O excéltico David Goldar foi absolto da acusación de colaboración necesaria que lle imputaba unicamente a acusación particular, xa que a Fiscalía non actuou contra el na causa, polo que tamén se enfrontaba a nove anos e medio de prisión.

Os feitos, segundo o escrito da Fiscalía, ocorreron na madrugada do 18 de xuño de 2017, cando Santi Mina aproveitou que o seu amigo David Goldar foise cunha muller á caravana que tiña estacionada nas proximidades dunha discoteca de Mojácar (Almería) para entrar ao vehículo e abusar sexualmente dela.

A sentenza, que pode ser recorrida ante a Sala de apelación do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, considera que quedaron probados os abusos sexuais despois de que a vítima facilitase na vista oral “un testemuño rotundo, abundante en detalles e coincidente no substancial e esencial co que previamente manifestara en sede policial e en sede de instrución”.

Considera que o testemuño de cargo quedou “corroborado por distintos e definitivos elementos probatorios”, circunstancia que reforza a súa credibilidade. 

A resolución explica que fronte á coherencia do relato da vítima, o acusado “na súa primeira declaración negou de forma categórica tocar sequera a vítima” e só cando ao atopar ADN seu na cavidade vaxinal, “vese obrigado a modificar a súa versión dos feitos e recoñecer que existiu penetración vaxinal”. Así, explica que a versión do acusado ten “pouca credibilidade”, debido a que “resulta cambiante en función do devir das dilixencias de investigación”.

O tribunal explica que nos feitos probados non existe violencia ou intimidación, xa que vítima e acusados coinciden en que “os feitos transcorren en moi breve espazo de tempo, cando se produce a penetración vaxinal cos dedos e a vítima pídelle ao acusado que pare, que a deixen marchar, este actúa conforme á súa petición. Este último é un feito totalmente indiscutido en que todas as partes coinciden”.

A defensa do acusado argumentou que este actuou movido baixo a conciencia errónea de que existía consentimento da vítima. Con todo, lembra a resolución, “non existe acreditación algunha de tal feito, senón todo o contrario. Como xa se dixo, consta acreditado que a vítima manifestou a súa oposición, tanto cos seus actos, empuxando o acusado, como coas súas palabras, manifestando que ela fora á furgoneta para estar co outro acusado e non con el.

A acusación particular pedirá o ingreso provisional de Mina

O avogado Iván Bolaño, que exerceu a acusación particular contra o dianteiro do Celta Santi Mina, informou de que solicitará o ingreso en prisión provisional do futbolista tras a súa condena a catro anos de cárcere.

O letrado precisou que nos próximos días presentará un escrito neste sentido que “se resolverá tras a correspondente vista”, acordando ou non o ingreso nun centro penal do deportista. Así mesmo, indicou que pensa recorrer o fallo, que absolve a Mina do delito de agresión sexual.

Tras unha primeira análise ás 39 páxinas de fundamentación da sentenza, Bolaño afirma que a resolución é “agridoce respecto ao resultado” por unha banda, afirma estar “contento” pola condena “tendo en conta que os investigados eran personaxes públicos, famosos, cunha capacidade económica tremendamente superior á da vítima, e a pesar de todo o pronunciamento foi condenatorio”.

"Imos recorrer ao 99 % este procedemento xudicial”, afirma Bolaño e aclara que o recurso se fará fronte ao fallo relativo aos acusados, non só a Mina, ao considerar que como mínimo había “unha situación de complicidade entre ambos”. 

A defensa de Mina recorrerá a sentenza por non "axustarse a dereito"

A defensa do futbolista do Celta anunciou que recorrerá a sentenza ao considerar que non se atopa "axustada a dereito".

A avogada de Santi Mina, Fátima Magdalena Rodríguez, sostivo durante a última sesión da vista que o xogador do Celta contou co consentimento “en todo momento” da muller que o denunciou por unha presunta agresión sexual e que, “no peor dos casos”, houbo un “erro” pola súa banda neste consentimento.

Apertura dun expediente disciplinario e apartado provisionalmente dos adestramentos

O Celta decidiu abrir un expediente disciplinario ao xogador Santi Mina para dilucidar as súas responsabilidades laborais á vista da resolución. Por esta razón, e de maneira cautelar, decidiuse apartar o xogador provisionalmente dos adestramentos do primeiro equipo, sen prexuízo de que continúe realizando as actividades que ao efecto lle indique o club.

O Celta respecta o dereito de defensa do xogador, pero vese na obriga de tomar medidas fronte a aqueles feitos que menoscaban de forma notoria a imaxe do club e atentan directamente contra os seus valores, mostrando o seu máis absoluto rexeitamento cara ao delito tipificado na resolución xudicial.

O presidente do Celta, Carlos Mouriño, visitou o cadro de xogadores na cidade deportiva Afouteza tras coñecer a sentenza, acompañado polo director xeral Antonio Chaves. Ambos os dous foron ls últimos en abandonar as instalacións sen facer declaracións.

Foi a través dunha declaración institucional, onde Mouriño"condenou os feitos" e lembrou que "os valores do Celta están por riba de calquera cousa".

“Desde o RC Celta queremos manifestar a nosa enérxica condena aos feitos acontecidos no día de hoxe cun xogador do persoal do primeiro equipo”, declara Mouriño no vídeo difundido polo club.

O tamén máximo accionista da entidade sinala que respectan “moitísimo” os dereitos que teñen as partes implicadas no proceso xudicial, pero ao mesmo apunta que “os valores do Celta están por encima de todo e defenderémolos como os defendemos sempre”.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade