Santiago aproba a regulación de pisos turísticos co apoio do PSOE e Compostela Aberta
Santiago aproba a regulación de pisos turísticos co apoio do PSOE e Compostela Aberta
O obxectivo é regular a implantación das vivendas de uso turístico fóra da zona histórica, onde están prohibidas polo seu plan especial
O Concello de Santiago aprobou este xoves co voto a favor do PSOE e de Compostela Aberta, a modificación dos usos do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para regular a implantación das vivendas de uso turístico fóra do casco histórico, onde están prohibidas polo seu plan especial.
A modificación contou co apoio do grupo de goberno, PSOE, e do grupo que sostiña o Executivo local no anterior mandato, Compostela Aberta, que xa iniciara daquela a senda para o regulamento desta cuestión.
O BNG e un concelleiro non adscrito, e anterior edil do PSOE, abstivéronse, mentres que o PP votou en contra. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, agradeceu os votos que permitiron sacar adiante esta normativa pola súa “transcendencia, xa que afectará de xeito especial nos próximos anos".
A modificación facilitará a regularización de máis pisos turísticos xa que o concello habilitará unha vía para que poidan operar sempre que “cumpran todos os requisitos que eran esixibles en 2019” e teñan o título municipal antes da entrada en vigor da nova ordenación.
Con todo, as vivendas de uso turístico do casco histórico non entran na regularización que se anuncia para o resto da cidade, porque aí están prohibidas polo propio planeamento do ámbito.
A concelleira responsable, Merecedes Rosón, explicou que esta ordenación lévase a cabo co fin de “potenciar a función residencial de Santiago complementando outros usos” porque non regular esta cuestión “sería o peor escenario” para a cidade e seus veciños.