A IA di que Santiago é unha das cidades máis bonitas de España
A IA di que Santiago é unha das cidades máis bonitas de España
Foi elixida a través do Chat GPT
Destácana por ser centro de peregrinación e pola súa impresionante catedral gótica
Non é a primeira vez que Santiago figura nunha selección entre as cidades máis bonitas de España. Desta volta foi a intelixencia artificial quen a elixiu a través dunha das súas ferramentas máis de moda, o Chat GPT que é quen de dar resposta a calquera cousa que se lle pregunte.
"Imaxino que ten un banco de datos moi grande que recollerá pois case toda a información que hai actualmente en Internet e a partir dos datos reinterpreta e contesta ao que ti mandes", explica un rapaz.
E o que lle pediron foi elixir as cidades máis bonitas de España, e parece que deu na diana.
"Vimos facendo un tour o meu fillo e eu dende Madrid, parando en diferentes puntos ata chegar aquí a Santiago, e como Santiago non hai dúas, é diferente, o espírito é diferente", apunta unha turista chegada de California
Na recensión que fai o Chat GPT sobre a cidade menciona sobre todo o seu monumento máis emblemático.
"É unha catedral impresionante", comenta outra que vén dende Turquía
"Dáme unha paz interna, sinto coma se estivese na casa", engade unha visitante de León.
A catedral de Santiago é foco de todas as miradas, pero non o único. A choiva segue sendo arte.
"A comida moi rica e as persoas moi chévere", conta unha rapaza venezolana.
"E a choiva dá un ambiente moi interesante", fala un rapaz californiano.
"As súas rúas, todo, a xente, todo en xeral aínda que chova, dáme igual", di a leonesa.
"Moi, moi fermoso, todo", insiste a rapaza venezolana.