Santiago, elixido o mellor destino turístico de calidade pola Secretaría de Turismo
Santiago, elixido o mellor destino turístico de calidade pola Secretaría de Turismo
Dúas casas rurais de Compostela levan o 3º premio á mellor actuación con criterios sostibles
Fachendoso, o Concello de Santiago considera que o premio recoñece o traballo ben feito dos últimos vinte anos para mellorar como destino turístico, base do proxecto SIDTEC, como comenta Sindo Guinarte, concelleiro de Turismo de Santiago.
"Recoñece que traballamos ben para que as distintas empresas melloren a calidade da súa oferta turística"
Guinarte asegura que da pandemia a hoxe, conseguiron aumentar case nun 30 por cento as empresas adheridas ao sistema que rozan xa as 120.
"O reto agora é seguir traballando, os premios deben ser sobre todo un estímulo". "Evolucionar cara a un turismo de mellor calidade, de máis calidade e, polo tanto, máis sostible".
Boa proba de sostibilidade é o terceiro premio á mellor actuación con criterios ecosostibles que recibiron as casas de Afora e do Crego de turismo rural na parroquia compostelá de Figueiras.
"Estamos moi contentas de que nos recoñeceran o traballo de case vinte anos. Espertar conciencia de que aquí coidamos o medio, o lugar en que estamos e que agora, ademais, dannos un premio pola forma en que o formulamos", explica Marisa Gil, unha das dúas irmás propietarias do proxecto premiado.
No seu momento, foron pioneiras na restauración destas dúas casas que xa son case autosuficientes enerxeticamente mediante paneis de enerxía solar e fotovoltaica. De feito, xa están producindo enerxía eléctrica para autoconsumo.
Cando recollan o premio en FITUR, a semana que vén, van deixar pegada coas súas tarxetas con arrecendo a loureiro dos montes de Santiago.