Publicador de contidos
Publicador de contidos

Santiago limita as licenzas de locais relacionados co turismo

Santiago limita as licenzas de locais relacionados co turismo

Afecta establecementos como tendas de recordos, consignas de equipaxes ou cambio de moeda

O obxectivo é preservar o comercio de proximidade no centro histórico

Tampouco se autorizará o cambio de uso para abrir novos negocios de hostalería onde ata o de agora non se desenvolvía esa actividade

G24.gal 17/06/2024 19:22 Última actualización 17/06/2024 19:56

O Concello de Santiago deu este luns un paso máis na súa aposta polo turismo sostible e, tras as restricións a vivendas turísticas, aprobou unha moratoria dun ano para locais relacionados con esta actividade, como tendas de recordos, consignas de equipaxes ou cambio de moeda.

Co obxecto de preservar o comercio de proximidade no centro histórico, o goberno local aprobou unha suspensión cautelar das licenzas e comunicacións previas destas actividades económicas.

Non se permitirá, por tanto, a apertura de novos negocios turísticos en locais que ata o momento non estean destinados a ese fin, polo que tampouco se autorizará o cambio de uso para abrir novos negocios de hostalería onde ata o de agora non se desenvolvía esa actividade.

En cambio, si que se consentirá a apertura dos comercios que o goberno local quere blindar e protexer, como pequenos comercios ou tendas de alimentación e produtos básicos que axudan a reter poboación.

A suspensión de licenzas tampouco afectará as actividades de dotación —docentes, sanitarias, asistenciais, socioculturais, institucionais, administrativas ou deportivas— nin cando o cambio afecte a locais existentes de lecer e restauración e modifiquen a súa actividade dentro do mesmo ámbito, por exemplo, de restaurante a bar.

Esta limitación súmase á xa aprobada semanas atrás polo goberno de Santiago de Compostela coa que freou a proliferación de vivendas de uso turístico (VUT), ao prohibir a súa explotación ás que ata o de agora funcionaban sen licenza municipal antes da modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

A nova ordenanza indica que as vivendas turísticas unicamente poderán ter este uso durante 60 días máximo ao ano e sempre que sexan a residencia habitual dunha persoa física durante polo menos 183 días.

A alcaldesa da cidade Goretti Sanmartín (BNG) explicou que estas medidas están orientadas a promover un modelo turístico máis sostible que sexa compatible coa fixación de poboación, xa que o que se busca é que a xente "decida quedar a vivir na zona vella”.

Así mesmo, a alcaldesa pediu tamén este luns ao presidente da Xunta Alfonso Rueda que acepte o “clamor social” dos composteláns que demandan que se implante unha taxa turística para os visitantes.

Rueda respondeu tamén este luns que se os informes municipais sobre esta taxa turística cumpren “cos condicionantes" que pediu o Executivo galego, iniciarase a tramitación para a súa posta en marcha aínda que non estea de acordo con esta fórmula. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar