Publicador de contidos
Publicador de contidos

Santiago prevé obter 3 millóns por unha taxa turística que oscilaría entre 1 e 2,5 euros

Santiago prevé obter 3 millóns por unha taxa turística que oscilaría entre 1 e 2,5 euros

O informe presentado polo Goberno local fala de “sobreturistificación”, cunha presión turística de 9,4 visitantes por habitante, dato que sitúa a Santiago como unha das urbes con máis presión de toda España

A alcaldesa reprocha ao presidente da Xunta a negativa a un "encontro institucional" e o Goberno galego afea ao Executivo local falta de "diálogo" 

O director de Turismo autonómico nega que o Camiño estea "masificado"

G24.gal 04/07/2024 12:18

Santiago quere implementar unha taxa turística, coa que prevé recadar tres millóns de euros ao ano, e, no seu afán de sumarse a cidades como Barcelona, Tarragona, Eivisa, Xirona, Menorca e Palma, o Goberno local presentou este xoves un informe sobre os gastos relacionados coa masificación e o mantemento do patrimonio.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, saudou o estudo co que o Executivo municipal avala a implantación deste imposto, que oscilaría entre 1 e 2,5 euros por noite.

O documento, remitido á Xunta, foi realizado ao amparo dun convenio coa Universidade de Santiago a favor dun pacto local por un turismo sostible, e foi explicado polos catedráticos da Universidade de Santiago Rubén Lois e César García, que apuntaron que recolle cuestións estatísticas referentes ao número de turistas, a procedencia dos mesmos e a duración das estancias.

Tamén analiza a presión do turismo sobre a cidade e reflicte unha situación de “sobreturistificación”, cunha presión turística de 9,4 visitantes por habitante, un dato que sitúa a Santiago como unha das urbes con máis presión de toda España, despois de que a capital galega emerxese “como un dos destinos urbanos e culturais” do país, “máis aló do fenómeno do Xacobeo”, sinalou o catedrático de xeografía da USC Rubén Lois.

Aumenta o gasto en limpeza

Actualmente, “a chegada de visitantes duplica as cifras de hai 20 anos”, co que aumentou o custo de servizos tales como a limpeza da cidade, a conservación do patrimonio ou a seguridade cidadá.

A aplicación da taxa turística pretende recadar, por iso mesmo, fondos para facer fronte a este tipo de gastos e investimentos.

A proposta contempla así a cobranza dun imposto que variaría en función do aloxamento utilizado, polo que oscilaría desde un euro por día e noite para os usuarios de establecementos de menor categoría, como pensións, hostais e cámpings; ata os 2,5 para os de maior nivel.

O tributo aplicaríase nas primeiras seis noites que os turistas pernoiten na cidade e non tería que abonarse a partir desa última, independentemente da duración da estadía.

Ademais, está a analizarse a posibilidade de implementar un gravame para as persoas que non pernoiten na capital galega, coa aplicación, por exemplo, dun imposto aos excursionistas que cheguen en autobús, aínda que sen chegar a cobrar directamente por entrar na cidade de Santiago, como recentemente si aprobou Venecia.

Segundo os expertos en dereito que elaboraron o informe, a fórmula aplicada en Venecia non tería cabida no ordenamento xurídico español.

O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC César García Novoa explicou que a “figura tributaria” correspondente sería a de “imposto propio da Comunidade, cedido aos concellos”.

Para iso, o documento inclúe un borrador dun posible proxecto de lei para a súa tramitación no Parlamento de Galicia porque o ordenamento xurídico en España non establece que as administracións locais poidan crear impostos.

Por iso, sería necesaria esta figura tributaria “plenamente constitucional” e á que poderían adherirse os concellos que así o quixesen e soliciten ser declarados como municipios de alto impacto turístico ou alto impacto turístico estacional.

O experto en dereito financeiro explicou que esta é a fórmula que máis se axusta á implantación deste tipo de gravame porque crear un imposto só para Santiago de Compostela “non tería moita viabilidade”.

Non hai "argumentos consistentes en contra"

García Novoa insistiu en que desde a súa óptica non ven "argumentos consistentes en contra da creación deste imposto” que a Xunta poida empregar para negarse a crear o citado tributo.

Con todo, debe ser a Xunta a administración que deba dar luz verde a esta proposta, deslizou.

Tras a presentación do informe, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, reprochou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que non accedese a manter un encontro institucional para abordar unha proposta deste calado.

“A este goberno gustoulle ter a oportunidade de tratar este documento de maneira directa” co Executivo autonómico para “falar das diferentes posibilidades, porque hai cuestións que poden modificarse”, expresou.

A alcaldesa non quere "perder o tempo"

E a rexedora insistiu en que o documento remitido á Xunta é “unha proposta”, polo que poderá ser modificada, aínda que a intención do concello é “non perder o tempo” porque “hai que tomar decisións xa” para que a taxa turística na capital galega poida ser “unha realidade o máis pronto posible”.

Pediu Sanmartín, ao fío desta observación, que se tramite “por urxencia” ao entender que hai fórmulas de tramitación exprés, ou que mesmo podería facerse a través da lei de acompañamento, empregada polo Goberno galego en numerosas ocasións, lembrou.

De feito, foi máis aló ao espetar que a taxa turística “xa podería estar vixente se o presidente da Xunta e o PP quixesen”.

Como colofón, Sanmartín fixo especial fincapé en que a posta en marcha deste imposto “é un clamor e é unha medida que quere a inmensa maioría da xente da cidade”

A Xunta afea ao Goberno de Santiago falta de "diálogo" sobre a potencial taxa turística

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, afeou ao Goberno local de Santiago, encabezado pola alcaldesa Goretti Sanmartín, falta de "diálogo" sobre a posible implantación dunha taxa turística, algo que, en caso de producirse, sería a primeira cidade galega en contar cunha.

Con motivo da súa participación na asemblea da Federación Europea de Camiños de Santiago este xoves en Compostela, Merelles, preguntado pola prensa, lamentou que Raxoi remitise ao Goberno galego na véspera o novo estudo que aborda a posibilidade deste tributo.

"Recibimos onte mesmo esta proposta, sen ese diálogo; falta ese diálogo co sector turístico e tamén coa cidadanía", criticou Merelles, que aprecia unha "deslealdade, en principio institucional" e bota en falta unha visión máis ampla, pois se gravaría ás persoas que se aloxen en hoteis "pero o excursionismo, que é unha actividade moi habitual", non figura.

"Temos que estudala", opinou sobre a proposta, pois o tempo dado entende que non foi suficiente, pero ás toas considera que faltan "fenómenos turísticos" importantes que se dan na cidade, como o caso do mencionado.

Sobre outra cuestión exposta, se nota masificación no Camiño, indicou que "cos datos empíricos que temos na actualidade" non, "en ningún punto".

Con todo, introduciu o matiz de que igual hai "concentracións se cadra importantes en determinados puntos e en determinados momentos", pero que entrarían dentro da lóxica, ao ser algo "totalmente normal".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade