Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanxenxo convive co auxe dos pisos turísticos

Sanxenxo convive co auxe dos pisos turísticos

O concello con máis vivendas de uso turístico non prevé poñer límites

G24.gal 26/05/2024 14:37

As vivendas de uso turístico están en auxe. En sete anos Galicia pasou de 5.000 a 22.000, e falamos das que están rexistradas. O 93 % dos concellos galegos teñen algunha vivenda vacacional dada de alta. Preocupa, entre outros aspectos, a competencia que representan para os hoteis e, sobre todo, a súa contribución á tensión do mercado de alugueiro de longa estancia. 

Sanxenxo é a localidade galega con máis pisos destas características, supera os 2.750 rexistrados. O concello non prevé, de momento, limitar estes aloxamentos, se se cinguen á normativa autonómica. Entende que axudan a atender o fluxo de visitantes que recibe a considerada como capital do turismo en Galicia.

Entre os turistas, hai quen ve os dous lados da balanza.

"Para a xente que vén, cantos máis haxa, mellor; pero loxicamente para a xente do lugar, imaxino que peor. Os alugueiros sóbenlles", reflexiona un visitante.

Tamén preguntamos a habituais, uns asegúrannos que por agora abondan máis as segundas residencias que as vivendas turísticas, aínda que tamén atopamos quen se queixa dos prezos e de momentos de masificación.

"Hai moita vivenda familiar, de segunda residencia pero de familias. Entón está moi ben,  non é esa invasión de xente que vén e vai. Estamos moi a gusto", opina unha muller.

"Eu ía vir o ano pasado, pero o que me pediron era unha burrada", afirma un home.

"Isto masifícase bastante", admite outro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade