Saudables, naturais, sostibles e artesáns: tendencias dos xeados de 2024
Saudables, naturais, sostibles e artesáns: tendencias dos xeados de 2024
Seguen triunfando os sabores clásicos, como chocolate, vainilla e café
A industria usa a intelixencia artificial para deseñar sabores únicos e impactantes
Begoña Rodríguez Roris é a propietaria de varias xeaderías en Pontevedra e Santiago baixo a marca Copacabana desde hai sete anos. Ela sabe ben o que piden os consumidores de xeado este 2024: xeados veganos, de froita natural e auga, sen leite nin proteína de leite.
A súa xeadería comparte espazo histórico, a Porta Faxeira, con Manuel Prieto, o castañeiro máis soado de Compostela, que alterna esta actividade invernal cos xeados no verán. As modas chegaron tamén ao seu carriño, repleto de xeados artesáns feitos por el como os facía xa seu pai.
O consumidor esixe saúde e sostibilidade, e a industria responde con xeados máis naturais, artesáns e de procedencia máis local, e por iso tanto Manuel como Begoña amóldanse aos gustos cambiantes da rúa fabricando xeados máis naturais e con materias locais.
"Utilizamos leite galego, cen por cento galego, e moita xente en cuestión de alerxias pregunta pola trazabilidade, temos un cadro cos compoñentes de cada xeado". cóntanos Begoña. "Preguntan se son feitos aquí, artesanais. Temos 40 sabores e agora imos facer xeado de açaí brasileiro".
O xeado tamén se suma ás sobremesas deconstruídas nos restaurantes para contrastar texturas e sorprender con elementos salgados, tendencia cada vez máis en boga segundo constata a xeadería Copacabana, que traballa para a restauración.
A innovación teconolóxica permite a creación de sabores únicos con combinacións impactantes deseñadas por intelixencia artificial.
"Aínda que o teñas, son deses sabores que só saen unha vez ao día", di Manuel.
Afeito a ver pasar as modas axiña, o xeadeiro confesa:
"O que máis se vende son os clásicos: vainilla, chocolate, amorodo, nata".
Un capricho refrescante que logrou desestacionalizarse, ampliando a temporada de marzo a novembro e duplicando as vendas no verán grazas ao turismo.