Sector loxístico, empresarios e Goberno galego reclaman o estudo do Corredor Atlántico Noroeste
Sector loxístico, empresarios e Goberno galego reclaman o estudo do Corredor Atlántico Noroeste
Cren no potencial que ten para captar mercadorías que viaxan por estrada
O tren move só o 4 por cento das mercadorías en España. Unha porcentaxe que na senda verde de Europa debe medrar para gañar competitividade nos mercados.
O presidente Clúster da Función Loxística de Galicia, Xoán Martínez, apunta que "o transporte marítimo e o ferrocarril son as grandes esperanzas para descarbonizar unha moi boa parte do transporte a nivel mundial, europeo, estatal ou rexional".
Fan falta mellores servizos e infraestruturas. Empresas ferroviarias que operan en Galicia, como Medway, cren no potencial que ten para captar mercadorías que viaxan por estrada.
Miguel Fañanás é responsable de desenvolvemento de negocios nesta empresa. Asegura que "indo a mínimos poderiamos medrar sobre o que actualmente facemos, que son 558 trens ata o mes de setembro deste ano. Poderiamos chegar a tres mil trens. Mil cincocentos de entrada e mil cincocentos de saída".
Para o sector empresarial busca levar as súas mercadorías de xeito eficiente e a prezo competitivo e ten claras as necesidades. "Necesitamos novas autovías, novas autoestradas para o noso tráfico de mercadorías, e iso chámase corredor do noroeste e saída sur", di Jorge Cebreiros, presidente da Confederación Empresarial de Pontevedra.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez insiste na necesidade de elaborar o "plan director do Corredor Atlántico Noroeste, con 8.000 millóns de euros. Unha cifra avalada por estudos e análises das necesidades que ten Galicia para incrementar as capacidades dos nosos portos e do sector empresarial".
Crucial tamén para Clúster da Función Loxística, que organizou o encontro sobre oportunidades e futuro do transporte ferroviario de mercadorías en Galicia.