O PP rexeita tramitar a ILP promovida por SOS Sanidade Pública
O PP rexeita tramitar a ILP promovida por SOS Sanidade Pública
A iniciativa, que reunira máis de 50.000 sinaturas, contou co apoio de BNG e PSdeG
Os populares acusaron a plataforma de ter "un claro nesgo partidario"
Este martes o pleno do Parlamento galego debateu a iniciativa lexislativa popular para reforzar a atención primaria en Galicia. A proposta impulsada pola plataforma SOS Sanidade Pública tiña unhas reclamacións que pasan por limitar a 30 o número de pacientes por xornada, que as esperas sexan de dous días como máximo para ver ao médico de familia e que as consultas sexan presenciais como norma xeral.
O non dos deputados do PP, que conta coa maioría absoluta no Parlamento de Galicia, tombou o inicio da tramitación desta iniciativa lexislativa popular impulsada pola Plataforma SOS Sanidade Pública que conseguiu solicitar máis de 50.000 sinaturas cidadás.
A encargada de defender o texto no pleno da Cámara foi Vanesa Viquendi, integrante do colectivo propoñente e presidenta da plataforma Pediatras e Matronas Xa!, quen enumerou as "carencias" que ven no Servizo Galego de Saúde, singularmente na "falta" de profesionais.
"A sanidade pública galega está peor que antes e iso non hai Photoshop que o corrixa", esgrimiu esta portavoz, quen debullou brevemente o contido da iniciativa lexislativa popular, con medidas como fixar un máximo de 48 horas de espera para consultas en centros de saúde, aumentar as ofertas públicas de emprego e elevar ata o 25 por cento do gasto total sanitario o dedicado a Atención Primaria.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu en que os "recortes" dos últimos 14 anos converten o Goberno galego e os populares nun "perigo para a saúde" da cidadanía. Por outra banda, o voceiro sanitario do Grupo Socialista, Julio Torrado, centrouse en cuestionar os argumentos da Xunta despois de coñecerse que a actual convocatoria MIR deixase 39 prazas de Medicina de Familia sen cubrir en Galicia.
O deputado do PP Alberto Pazos cargou contra a propia Plataforma SOS Sanidade Pública e pediulle que "deixe de lado o partidismo sanitario" porque a "falta de profesionais" é un asunto que afecta toda España.