Maluma, The Kooks e Xoel, pratos fortes na segunda xornada do Son do Camiño
Maluma, The Kooks e Xoel, pratos fortes na segunda xornada do Son do Camiño
As galegas Fillas de Cassandra conquistaron coa súa mestura de música tradicional e moderna cunha marcada ollada feminista
O sol acompañou nesta nova xornada musical para o desfrute dos milleiros de espectadores que volveron encher desde primeira hora o Monte do Gozo. Das primeiras en saír ao escenario foron as galegas Fillas de Cassandra, coa súa particular ollada ás nosas raíces desde unha perspectiva feminista e poñendo en valor a música tradicional.
"Para nós poder sonar con líricas tradicionais pero con techno nunha discoteca é ocupar espazos que antes a música tradicional non podía ocupar, é un acto reivindicativo. É aceptar que esta danza primitiva existe e que está dentro de nós", explican as Fillas de Cassandra.
A música continuou con grupos nacionais coma Delaporte ou Ginebras e coa banda alacantina-madrileña de indie rock Niña Polaca que presentou o seu novo traballo.
"Este disco que vimos pre-presentar realmente deixa de ter influencias de rock para ter máis de electrónica. Un disco máis conceptual e máis diferente do que estivemos facendo ata agora", comentan Niña Polaca.
No serán tocoulle a quenda ao galego Xoel López, un dos veteranos e máis afamados artistas da nosa terra. E un día máis vimos caras de ilusión e de felicidade nos asistentes.
Os pratos fortes chegaron coa noite, primeiro coa banda británica de indie rok The Kooks procedente de Brighton. E un pouco máis tarde coa actuación do colombiano Maluma, un dos máximos expoñentes do reguetón en todo o mundo.