Publicador de contidos
Publicador de contidos

AEMET: "Non hai precedentes dun verán tan cálido en algo máis dun século"

AEMET: "Non hai precedentes dun verán tan cálido en algo máis dun século"

Coas reconstrucións climáticas realizadas a partir de datos históricos, trataríase do verán coa temperatura media máis alta desde, polo menos, 1916

Os meteorólogos advirten que as vagas de calor serán cada vez máis frecuentes e máis intensas durante os próximos anos

G24.gal 20/08/2022 21:11 Última actualización 20/08/2022 21:26

Segundo datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía, non hai precedentes dun verán tan cálido coma o 2022 desde hai algo máis dun século.

A serie histórica arranca en 1961. Coas reconstrucións climáticas realizadas a partir de datos históricos, trataríase do verán coa temperatura media máis alta desde, polo menos, 1916, conforme a AEMET.

"Agosto aínda non rematou, o balance non podemos pechalo aínda de todo, pero coas predicións que hai e coas temperaturas xa rexistradas é probable efectivamente que este sexa o verán máis cálido que se rexistrara nunca. Por tomar como referencia o mes de xullo, que foi excepcionalmente cálido, estivemos en Galicia unha media duns tres graos por riba dos valores normais dun mes de xullo, que pode parecer pouco, pero para temperaturas medias mensuais é un valor moi alto", di Rafael Sánchez González, meteorólogo da AEMET na delegación territorial de Galicia.

Os meteorólogos consideran que estas temperaturas tan altas son extraordinarias en Galicia, pero advirten que as vagas de calor serán cada vez máis frecuentes e máis intensas durante os próximos anos.

"É algo que cada vez será probablemente máis habitual, iso é o que predín os modelos climáticos, e que se van producir vagas de calor con máis frecuencia e máis intensidade. En xullo, a mediados de mes, tivemos unha vaga de calor moi intensa, como referencia superáronse os 44 graos no observatorio de Ourense, bateuse o récord histórico que databa de hai máis de 30 anos", engadiu Rafael Sánchez.

Segundo os datos rexistrados, vese unha tendencia crecente e progresiva das temperaturas desde os anos 70 do século pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade