Segundo día de loito pola morte en accidente de catro mozos de Ribadeo
Segundo día de loito pola morte en accidente de catro mozos de Ribadeo
Pesar entre a poboación polo tráxico resultado do sinistro e pola mocidade das vítimas
Xa está de alta o ocupante que sufriu unha conmoción e continúa na UCI o condutor
Tres dos implicados non levaba posto o cinto de seguridade, segundo a Garda Civil
Segundo día de loito en Ribadeo, unha vila que está conmocionada pola morte en accidente de tráfico de catro mozos da localidade, de 17 e 18 anos. Dous deles son curmáns.
En Ribadeo suspendéronse ata o mércores os actos oficiais e os da Semana Santa. As bandeiras están a media hasta en sinal de dó. Tamén en Xove, onde tivo lugar o accidente, porque a perda de vidas tan novas non deixa indiferente a ninguén.
Á espera de coñecer o resultado das autopsias, confírmase que tres dos seis ocupantes do vehículo non levaban posto o cinto de seguridade. A Garda Civil continúa a investigar as causas do sinistro, que puido deberse a unha velocidade inadecuada, unha distracción ou mesmo un fallo mecánico.
O coche precipitouse desde a estrada á saída dunha curva, bateu cun poste e acabou sobre un horto. Alí o atopou un viandante, que deu a voz de alarma. O ocupante que sufriu feridas leves xa foi dado de alta no Hospital de Burela. Ten 19 anos e presentaba síntomas de desorientación cando o atoparon deambulando polos arredores.
O condutor, da mesma idade, continúa grave na Unidade de Coidados Intensivos do Hospital de Lugo.